Sarria acolleu unha reunión de preparación do dispositivo especial pola eclipse solar

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu en Sarria unha xunta de seguridade cos concellos do sur da provincia co obxectivo de avanzar na planificación do operativo que se activará con motivo do eclipse total de sol previsto para o vindeiro 12 de agosto.
No encontro participaron representantes municipais das comarcas da Ulloa, Chantada, Sarria e Terra de Lemos, zonas nas que se agarda unha elevada chegada de visitantes atraídos por este fenómeno astronómico excepcional.
Durante a xuntanza, Olimpia López destacou que o Goberno está a traballar con antelación e en colaboración cos concellos para garantir que este acontecemento se desenvolva con todas as garantías de seguridade e organización. Ademais, sinalou que a planificación previa é a mellor ferramenta para evitar incidencias e ofrecer unha resposta eficaz á cidadanía. Nesa mesma liña, lembrou que este 30 de abril o sol ocupará aproximadamente a mesma posición no ceo, polo que será unha xornada axeitada para analizar os puntos de observación máis recomendables.
A subdelegada puxo en valor o papel dos concellos como administracións clave no territorio e incidiu en que a colaboración institucional resulta esencial para converter este reto nunha oportunidade de dinamización económica e social, sempre desde a responsabilidade e a seguridade.
Un dos asuntos centrais abordados foi a necesidade de avanzar na definición de puntos de observación seguros e organizados, que permitan canalizar a afluencia de persoas e garantir unha experiencia ordenada. Neste sentido, tamén se incidiu na planificación de accesos, zonas de estacionamento e dispositivos especiais de tráfico.
A Subdelegación do Goberno solicitou aos concellos que identifiquen espazos adecuados, con boas condicións de visibilidade e capacidade suficiente, co fin de facilitar a organización dos servizos de seguridade e emerxencias.
Na reunión participaron igualmente responsables das forzas e corpos de seguridade do Estado e da Administración Xeral do Estado, reforzando así a coordinación institucional para dar unha resposta integral ao operativo.
López subliñou tamén que Lugo será un dos lugares privilexiados para seguir o eclipse, o que supón unha oportunidade para poñer en valor o territorio mediante unha planificación responsable que priorice a seguridade da cidadanía.
Por outra banda, o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes impulsou, xunto coa Comisión Científica e de Asesoramento do Trío de Eclipses e o equipo de Coordinadores Nacionais de Astronomía para a Educación da Unión Astronómica Internacional, unha formación gratuíta dirixida ao profesorado e á cidadanía.
Baixo o título O Sol e o trío de eclipses 2026-2027-2028, o curso será masivo, aberto e en liña e afondará no coñecemento do Sol, os seus fenómenos máis destacados e a dinámica do sistema Sol-Terra-Lúa. Tamén ofrecerá recomendacións para observar as eclipses con seguridade e trasladar ese coñecemento ao alumnado.
A iniciativa abordará ademais a dimensión histórica e cultural destes fenómenos e preparará ás persoas participantes para os eclipses totais de 2026 e 2027 e para o eclipse anular de 2028, visibles desde España.
Aínda que a proposta está especialmente orientada ao ámbito educativo, calquera persoa interesada na astronomía poderá inscribirse desde hoxe a través da web do INTEF. O prazo permanecerá aberto ata o 23 de maio e o curso desenvolverase entre o 5 de maio e o 12 de xuño.