Sarria ampliará as redes de abastecemento de auga en varios núcleos rurais

SarriaXa
O Concello de Sarria ampliará as redes de abastecemento de auga en diversos núcleos rurais de poboación do municipio
auga tubaxe
auga tubaxe
3 dic 2022

As obras que xa saíron a licitación, permitirán dotar de traída de auga a 15 núcleos rurais da zona.

A contratación deste proxecto técnico de Ampliación das Redes de Abastecemento de Auga e Reposición de Servizos Básicos a diversos núcleos de poboación de Sarria, afectará a zonas como Treilán e Betote ou ás rúas Mazadoiro, Hermanas García Vázquez e Xardíns San Vicente Paul.

Realizarase a extensión da rede de abastecemento de auga en núcleos rurais coma Calvario, Vilaesteva, Fondo de Vila, San Salvador, A Pena, Penela, Mezur, Rosende, A Rañoá, Santa María de Vilar, Vilanova, Crecente e Vilapedre.

Os traballos foron redactados e subscritos polo Enxeñeiro Técnico Industrial D. Luis Oscar Valiña Rodríguez (colexiado número 458), con sinatura dixital do 29 de xullo (o primeiro, terceiro e cuarto dos proxectos mencionados) e do 18 de agosto de 2022 (o segundo).

O presuposto de execución por contrata é de 780.290,20 euros e está dividido en catro Lotes tendo en conta a viabilidade da súa execución dende unha perspectiva técnica. O primeiro deles é o que implica a extensión da rede de abastecemento de auga ós núcleos de Treilán e Betote e conta cun presuposto de licitación de 246.533,82 euros, o segundo deles supón a reposición de servizos básicos nas rúas Mazadoiro, Hermanas García Vázques e Xardíns San Vicente Paul cunha partida de 221.930,11 euros, para o terceiro lote destinaranse 180.000 euros para realizar obras nos núcleos rurais de Calvario, Vilaesteva, Fondo de Vila, San Salvador, A Pena, Penela, Mezur e Rosende, e o por último executaranse as obras en A Rañoa, Santa María de Vilar, Vilanova, Crecente e Vilapedre cun presuposto de licitación tamén de 180.000 euros.

O prazo máximo de execución das obras será de 28 días naturais no primeiro caso, de 56 para as obras que se realicen nas rúas Mazadoiro, Hermanas García Vázques e Xardíns San Vicente Paul e de 21 días naturais para as que competen ós núcleos de Calvario, Vilaesteva, Fondo de Vila, San Salvador, A Pena, Penela, Mezur, Rosende, A Rañoa, Santa María de Vilar, Vilanova, Crecente e Vilapedre.

A adxudicación desta contratación realizarase mediante procedemento aberto simplificado no que todo empresario interesado poderá presentar unha proposición, garantíndose o cumprimento dos principios xerais da contratación administrativa de transparencia, publicidade e concorrencia axustados ó previsto nos artigos 145 e 146 da Lei de Contratos do Sector Público.