Sarria aproba por unanimidade a reordenación da parcela da Fortaleza e deixa varias mocións sen tratar

O pleno de Sarria correspondente ao mes de outubro deixou sen tratar as dúas mocións presentadas polo PP e a proposta do BNG para activar as vivendas sociais da rúa Maior. A decisión estivo motivada polos tres días de loito oficial decretados polo Goberno central tras o accidente ferroviario ocorrido o 28 de outubro en Urda, Toledo. A sesión comezou cun minuto de silencio en lembranza das vítimas.
As iniciativas que quedaron fóra do debate incluían unha proposta do PP para elaborar un plan que permita solucionar os problemas de abastecemento de auga no rural e outra para recuperar actividades dirixidas ás persoas maiores mediante un programa de envellecemento activo. Pola súa banda, o BNG reclamaba medidas urxentes para poñer en funcionamento as vivendas sociais da rúa Maior e contribuír a dar resposta aos problemas de acceso á vivenda no municipio.
A pesar de que estes puntos non se trataron, o pleno si abordou os primeiros asuntos considerados urxentes. Entre eles destacou a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal para reordenar a parcela da Fortaleza, que saíu adiante por unanimidade.
O cambio urbanístico contempla eliminar unha rúa de nova creación que figuraba dentro da parcela da Fortaleza, cuxa execución, segundo explicou o alcalde, resulta «imposible». Ademais, prevé que o Concello asine un convenio coa sociedade propietaria do inmoble para regular o acceso público a este ben. Tanto o PP como o BNG sinalaron que tiñan constancia de que o proxecto previsto para esta zona respecta o patrimonio.
Outro dos asuntos que xerou debate foi a proposta de Camiña Sarria para destinar 28.000 euros aforrados no transporte do matadoiro a financiar un estudo xeotécnico e de viabilidade sobre a posibilidade de construír pisos de alugueiro social nas antigas vivendas dos mestres do colexio Frei Luis de Granada.
A iniciativa pretendía estudar unha posible solución a dous problemas: a deterioración destes inmobles, que se atopan nun estado deplorable, e a falta de vivenda en Sarria. A proposta conectaba así coa preocupación expresada polo BNG na súa moción sobre as vivendas sociais da rúa Maior, que finalmente non puido debaterse.
A iniciativa de Camiña Sarria non saíu adiante. Geni Valcárcel, responsable do matadoiro e integrante do Goberno local, abstívose, mentres que os grupos da oposición votaron en contra.