Sarria Bikers presenta toda a programación da súa IV Concentración Motera

Sarria converterase nun punto de encontro para amantes do motor coa celebración da IV Concentración Motera Sarria Bikers, que terá lugar os días 15, 16 e 17 de maio cun completo programa de actividades dirixidas a todos os públicos.
A programación arrancará o venres 15 coa apertura de inscricións ás 18:00 horas, seguida dunha pancetada popular ás 22:00 horas. A xornada completarase cun concerto da orquestra Neverloura e a actuación de DJ Cendoi a partir das 23:30 horas.
O sábado 16 será o día con maior número de propostas. A partir das 9:30 horas abriranse novamente as inscricións e os participantes poderán gozar de almorzos en locais colaboradores. Ás 10:30 horas está prevista unha ruta motera libre con pinchos, mentres que ás 14:00 horas terá lugar unha sesión vermú coa charanga Eravisto.
Xa pola tarde, ás 15:30 horas, desenvolveranse xogos moteiros e unha actividade de “porco mecánico”. Ás 18:30 horas celebrarase unha exhibición motera a cargo de Balles & Pichu Stunt Show, con entrada libre. A xornada continuará cunha ruta de antorchas ás 20:00 horas en memoria dos moteiros falecidos, acompañada de consumicións en locais colaboradores, e culminará cunha cea ás 21:30 horas e un concerto do grupo Keepers xunto con DJ Cendoi ás 23:30 horas.
O domingo 17 manterá a actividade cun novo inicio ás 9:30 horas coas inscricións e almorzos. Ás 10:30 horas repetirase a ruta motera libre con pinchos e, ás 12:00 horas, celebrarase unha sesión vermú amenizada por disco Eravisto. Ás 13:00 horas terá lugar o sorteo de premios, agradecementos e entrega de trofeos, para rematar ás 14:00 horas coa comida de clausura.
A organización establece diferentes modalidades de inscrición, cun prezo de 50 euros para a completa, que inclúe comidas, actividades e acampada, e de 40 euros para media inscrición. O evento desenvolverase no Campo da Feira e contará coa colaboración de distintas entidades e institucións.