Sarria celebra a Feira do Libro en Villa Andrea cun amplo programa cultural e literario

O Concello de Sarria vén de presentar a programación da Feira do Libro, que se desenvolverá os días 25 e 26 de abril en Villa Andrea cunha proposta variada que combina literatura, encontros con autores e actividades infantís.
A xornada do sábado comezará ás 10:00 horas coa apertura de portas, seguida da inauguración oficial ás 10:30 horas, que contará cunha actuación do profesor de percusión da Escola de Música José Luis García. A partir das 11:00 horas celebrarase a mesa “Novos talentos sarriaos”, moderada por Lois Gutiérrez e coa participación de Naila González, Álvaro Rodríguez e Patricia Rivas.
Ás 11:45 horas terá lugar a mesa “Autoras LIX da contorna”, moderada por Miriam Alonso e na que intervirán Yolanda Álvarez, Ana Meilán, Lucía Vázquez e Inma Soto. A programación continuará ás 12:30 horas cunha charla sobre lecturas inclusivas na literatura infantil e xuvenil, acompañada dun contacontos inclusivo titulado “Pedro, o piloto de gaivotas”, a cargo de Manuel Darriba, Uxía López e Diego Laureda.
Xa ás 13:15 horas procederase á entrega de premios do Concurso de Marcapáxinas e, a continuación, desenvolverase un espectáculo infantil con Inma Soto titulado “Sinfonía de contos. Nós tamén queremos navegar”.
O domingo manterá a actividade desde as 10:00 horas coa apertura de portas. Ás 10:45 horas celebrarase a mesa “O oficio de escribir: do borrador ao libro final”, moderada por César No, na que participarán Manuel Pombo, Mirella López, Sonia Arias e Luis López Alonso.
Ás 11:30 horas terá lugar a mesa “Voces e inspiración: poesía, novela, relato, teatro”, moderada por Félix López e Arlindo, coa participación de María Casar, Manuel F. Rodríguez, Luis Celeiro e Rocío López. A programación continuará ás 12:15 horas coa mesa “Memoria e territorio”, moderada por Rocío López, na que intervirán Manuel Darriba, Sonia Márpez, Pilar Macía e Javier Conde.