Sarria celebra a XXXVI Mostra Agro-Gandeira de San Isidro, escaparate clave para o rural da comarca

SarriaXa
A feira reunirá os días 9 e 10 de maio exposicións, poxas, concursos, música e actividades que reforzan o peso económico e social do sector primario no municipio
Feira-San-Isidro-2025-Sarria
4 May 2026

Sarria volverá converterse nun punto de encontro para o campo lucense coa celebración da XXXVI Mostra Agro-Gandeira de San Isidro, unha cita xa consolidada no calendario local que se desenvolverá os días 9 e 10 de maio no Campo da Feira.

O evento reunirá gandeiros, profesionais do sector, veciñanza e visitantes arredor dun programa pensado para poñer en valor a tradición agropecuaria e o papel estratéxico que desempeña no presente e no futuro da comarca.

A mostra representa unha das citas máis relevantes para Sarria e a súa contorna, ao actuar como escaparate do potencial económico vinculado á gandaría, á agricultura e ás actividades auxiliares. Ademais de impulsar o comercio e a hostalaría durante a fin de semana, a feira contribúe a reforzar a identidade rural dunha zona estreitamente ligada ao sector primario e ao aproveitamento sostible do territorio.

A programación arrancará o sábado 9 de maio ás 10:00 horas coa inauguración e apertura do recinto feiral. Ao mediodía celebrarase a poxa e subasta de xovencas frisoas organizada por Africor, acompañada pola actuación de Meigas e Trasgos. Xa pola tarde terá lugar a VI Feira Cabalar de Pura Raza Cabalo Galego, así como o concurso morfolóxico puntuable para a XXV Copa Galicia de equinos autóctonos. A xornada completarase cun espectáculo de doma de alta escola con cabalo, a final do IV Rally “Vila de Sarria” de coches clásicos e unha pancetada baile amenizada por “La hora bruja”.

O domingo 10 de maio a actividade continuará desde as 10:00 horas coa apertura da feira do ano 2026. Ás 12:00 horas celebrarase a poxa de reses de Rubia Galega organizada por Acruga e tamén a actuación de Peleriños.

Un dos momentos máis destacados será o I Gran Premio de Habilidade Tractorista, con primeira manga ás 12:30 horas e segunda manga e final ás 17:00 horas. O programa incluirá tamén o sorteo dun obsequio agro-gandeiro de San Isidro.

Ademais, Ás 13:00 horas haberá pasarrúas e concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria, que pon en valor a súa participación por recuperar a música de banda nunha actuación dirixida polo mestre Manuel Montero. Así, a agrupación ofrecerá primeiro un pasarrúas polo recinto feiral e, a continuación, un concerto cun programa variado centrado na música de banda e no repertorio galego. Entre as pezas previstas figuran alboradas, pasodobres, xotas e composicións de tradición oral.

No recital tamén se interpretará o pasodobre Carpio, obra do mestre ponteareán Reveriano Soutullo composta no ano 1916 e adaptada para banda polos musicólogos Iago Sobrino e Marcos Amado. Trátase dunha peza pouco habitual, que soará por primeira vez en Sarria e que apenas foi interpretada anteriormente pola banda de Xinzo de Ponteareas tras a súa edición para este formato.

Desde a agrupación agradeceron ao Concello de Sarria a colaboración prestada para recuperar unha data tan sinalada, permitindo que gandeiros e agricultores poidan volver gozar da música de banda no día dedicado ao seu patrón.

0.10935497283936