Sarria celebrará o 13 de decembro unha gran festa do atletismo con carreiras de 10K e 5K

Sarria volverá converterse nun punto de encontro do atletismo popular o próximo domingo 13 de decembro coa celebración dunha nova edición da carreira 'Sarria 10Km – Os Máis Rápidos'. A cita contará con dúas distancias competitivas para adultos, de 10 e 5 quilómetros, ademais de probas infantís e unha andaina popular, co obxectivo de reunir participantes de todas as idades e niveis.
A carreira de 10 quilómetros, dirixida a maiores de 18 anos, terá a saída ás 11:00 horas e contará cun percorrido urbano de perfil rápido, pensado tamén para os atletas que busquen mellorar as súas marcas. Pola súa banda, a proba de 5K comezará ás 10:45 horas e estará aberta a participantes a partir dos 16 anos. Esta última terá clasificación propia e permitirá competir nunha distancia máis curta.
O paseo do Malecón será o epicentro da xornada, con percorridos polo casco urbano de Sarria. A programación completarase coas carreiras das categorías inferiores, que comezarán ás 10:30 horas, e cunha andaina popular de cinco quilómetros, prevista para as 10:45 horas.
A carreira de 10 quilómetros repartirá premios económicos entre os tres primeiros clasificados da categoría absoluta masculina e feminina: 200 euros para os vencedores, 100 euros para os segundos e 50 euros para os terceiros. Tamén haberá trofeos para diferentes categorías, recoñecementos aos mellores atletas locais e premios na proba de 5 quilómetros.
Os participantes disporán de cronometraxe electrónica, camiseta conmemorativa —agás na categoría pitufos—, avituallamentos, gardarroupa e duchas.
A cita está promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Sarria, coa dirección técnica de CCNorte e a colaboración do Clube Running Sarria.
As inscricións poden realizarse a través da plataforma de CCNorte. Ata o 29 de novembro, o prezo será de 13 euros para a carreira de 10 quilómetros e de nove euros para a de 5K. A partir do 30 de novembro, as tarifas subirán a 20 e 15 euros, respectivamente.
O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 10 de decembro de 2026 ás 23:59 horas. A organización anima os afeccionados ao atletismo a participar nunha xornada que combinará competición e deporte popular, con propostas tanto para corredores experimentados como para principiantes e familias.