Sarria celebrará o Festival Letras Galegas 2026 cunha xornada cultural chea de música e teatro

A Sociedade A Unión de Sarria acollerá o vindeiro 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, unha nova edición do Festival Letras Galegas 2026, unha cita cultural que reunirá música, canto e teatro nunha xornada aberta á veciñanza.
O festival dará comezo ás 19:30 horas e estará dedicado este ano a Begoña Caamaño Rascado. A programación incluirá as actuacións da Banda de Música de Sarria, Sarricanta Coro, Cantareir@s da Unión e Rebuldeira Teatro.
Desde a organización destacan que, ademais das actuacións anunciadas, o público poderá desfrutar doutras sorpresas ao longo da tarde. O evento está promovido por Sarricanta, conta co patrocinio do Concello de Sarria e coa colaboración da Sociedade A Unión.
A iniciativa busca promover a cultura galega e ofrecer un espazo de encontro arredor da música, a literatura e as artes escénicas nunha das datas máis significativas para a lingua e a identidade de Galicia.