Sarria impulsa un proxecto para recuperar a memoria dos antigos cinemas da vila

SarriaXa
A iniciativa busca recompilar recordos, fotografías e experiencias arredor das salas de cinema que marcaron a vida cultural do municipio
Casa-da-Cultura-de-Sarria
5 Jun 2026

A Casa da Cultura de Sarria acollerá durante o mes de xuño o Proxecto Cinemas, unha iniciativa orientada á recuperación da memoria colectiva vinculada ás antigas salas de cinema da vila. A proposta pretende crear un espazo de encontro no que a cidadanía poida compartir lembranzas, coñecer mellor a historia audiovisual do municipio e reflexionar sobre o papel da cultura como ferramenta de participación social e comunitaria.

O proxecto desenvolverase a través de dous talleres presenciais programados para os venres 5 e 12 de xuño, en horario de 17.30 a 19.00 horas. A actividade está especialmente dirixida ás persoas adultas maiores, aínda que a participación está aberta a toda a comunidade e será completamente gratuíta.

Os encontros servirán para recompilar testemuños sobre os antigos cinemas de Sarria, recuperar fotografías e outros materiais relacionados coa súa actividade e afondar na importancia que estes espazos tiveron como puntos de encontro social e cultural para varias xeracións de veciños e veciñas.

Desde a organización explican que Proxecto Cinemas nace coa vontade de rescatar unha parte relevante da historia local, promovendo ao mesmo tempo o diálogo arredor da cultura audiovisual e da chamada democracia cultural. Ademais, durante as sesións traballarase na creación dunha acción cultural comunitaria que permita poñer en valor ese patrimonio inmaterial ligado á memoria dos cines da vila.

A iniciativa está pensada para todas aquelas persoas que conservan recordos das antigas salas de exhibición cinematográfica de Sarria, así como para quen teña interese na historia local, na cultura audiovisual ou na conservación da memoria colectiva.

0.12760305404663