Sarria impulsa unha ampla programación cultural, deportiva e musical polo 8M

O Concello de Sarria, a través da súa área de Igualdade e coa implicación das concellerías de Cultura e Deportes, presenta unha completa programación con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, co obxectivo de alzar a voz en favor da igualdade, da xustiza e da dignidade de todas as mulleres.
A iniciativa, segundo subliña o goberno local, non responde a un esforzo illado, senón a un traballo colectivo que debe implicar a todos os ámbitos e sectores da sociedade, tanto a homes como a mulleres, desde a colaboración e o compromiso conxunto.
Nesta liña, durante a fin de semana do 6 ao 8 de marzo desenvolveranse propostas culturais, musicais e deportivas que sitúan ás mulleres, as súas vivencias, coñecementos e achegas no centro da programación.
A primeira das actividades terá lugar o venres 6 de marzo ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal Camilo Gonsar, onde se celebrará a presentación do libro 'Memoria de sombra y bosque', da escritora paradelense Estefanía Padullés. No acto intervirán, ademais da propia autora, o editor de Alauda Negra, Xosé Lois Gutiérrez; o concelleiro de Cultura, César No; a concelleira de Igualdade, Isabel Vergara; e a responsable da biblioteca, Miriam Alonso.
O sábado 7 de marzo ás 19:00 horas, a Casa da Cultura acollerá o 'Concerto pola Muller' da Banda de Música da Comarca de Sarria. Trátase dun evento especial que busca visibilizar, recoñecer e poñer en valor o talento feminino no ámbito musical mediante unha selección de pezas que salientan a presenza das mulleres na música desde distintas perspectivas.
O domingo 8 de marzo será a quenda da IX Carreira da Muller, Vivas e Iguais, que se celebrará ás 11:30 horas na rúa da Liberdade. Esta cita deportiva en prol da igualdade, integrada no XII Circuíto Leader Miño Ulla de Carreiras Populares, reivindica o papel das mulleres na sociedade actual e combina a práctica deportiva co compromiso social, convertendo un ano máis a vila nun punto de encontro para defender a igualdade a través do deporte.
As persoas participantes vestirán unha camiseta financiada con cargo aos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade co lema 'Sementa, florece e plántate contra a violencia de xénero', lembrando que o 8M tamén é unha xornada de denuncia e concienciación fronte ás violencias exercidas contra as mulleres. A entrega de dorsais realizarase o propio domingo 8 de marzo no Malecón do río Sarria entre as 10 e as 11:15 horas, mentres que a saída terá lugar ás 11:30 horas desde o bulevar da rúa da Liberdade, á altura de Catro Camiños.
Unha vez rematada a carreira e antes da entrega de premios, procederase á lectura do manifesto conmemorativo do 8M por parte da concelleira de Igualdade, Isabel Vergara. A xornada concluirá ás 13:30 horas no Paseo do Malecón cunha sesión vermú amenizada pola cantante Lorena do Val, que porá o peche musical a unha fin de semana de reivindicación e homenaxe ao Día Internacional da Muller.