Sarria inaugura a quinta edición do Festival Sarria & Blues no Camiño cunha homenaxe ás raíces do blues

SarriaXa
O certame ofrecerá concertos, actuacións de rúa e actividades musicais ata o domingo 9 de agosto en distintos espazos da vila
Sarria-Blues-no-Camiño
6 Aug 2026

A quinta edición do Festival Sarria & Blues no Camiño, organizada polo Concello de Sarria coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, comeza hoxe, xoves 6 de agosto, no atrio da Igrexa de San Salvador, escenario habitual desta cita que mantén como lema “Un cruceiro no Crossroads”, unindo a tradición xacobea coa historia do blues e o camiño cara á liberdade da comunidade afroamericana.

A inauguración arrancará ás 20.00 horas coa participación dos gaiteiros da Pipers Blues Band e a actuación do bluesman Félix Slim, natural de Ceuta e afincado nos Estados Unidos. A programación da xornada continuará ás 22.30 horas no Paseo do Malecón cun concerto da Banda de Música da Comarca de Sarria, que interpretará clásicos do blues e do jazz coa colaboración das cantantes Sara Somoza e Anita Miranda.

O venres 7 de agosto a música sairá ás rúas e aos establecementos hostaleiros da vila coa programación de Street Blues. Ás 12.00 horas actuará o grupo 2For Blues na Cervecería D Pont. Ás 13.00 horas será a quenda de The Blues Sisters no Gourmet Paladar. Pola tarde, ás 19.00 horas, The Blues Sisters ofrecerán unha nova actuación na Pizzería 17 e, ás 20.30 horas, 2For Blues actuará no restaurante O Chanto.

A actividade continuará o sábado 8 de agosto. Ás 12.00 horas, The Blues Sisters actuarán no Bar O Tapas. Xa pola tarde, ás 18.30 horas, 2For Blues levará o seu repertorio ao local Isla Next, dentro da programación musical distribuída por distintos puntos da vila.

A última xornada do festival, o domingo 9 de agosto, comezará ás 12.30 horas coa actuación de 2For Blues no As de Picas. Media hora máis tarde, ás 13.00 horas, The Blues Sisters ofrecerán un concerto no Restaurante Santiago-Mesón Roberto. O peche da programación de Street Blues chegará ás 20.30 horas no Hotel Alfonso IX, onde volverá actuar 2For Blues.

Con esta programación paralela, o Festival Sarria & Blues no Camiño busca achegar a música ao conxunto da vila, convertendo rúas, terrazas e establecementos hostaleiros en pequenos escenarios nos que veciñanza e visitantes poderán gozar do blues nun ambiente próximo e festivo ao longo de toda a fin de semana.

0.13013195991516