Sarria mantén aberta a exposición "O Eco das Meigas. Memoria viva" ata o 31 de agosto

A Sala de Exposicións da Antiga Prisión Preventiva de Sarria mantén aberta ata o 31 de agosto a exposición "O Eco das Meigas. Memoria viva", unha mostra organizada con motivo do recoñecemento da Noite Meiga como Festa de Interese Turístico de Galicia.
A exposición reúne unha selección de obras pictóricas e escultóricas que forman parte do patrimonio artístico da Asociación Cultural Meigas e Trasgos, xunto con diferentes obxectos e recordos vinculados á historia da entidade e á celebración da Noite Meiga. Entre as pezas que se poden contemplar tamén se atopa o tradicional traxe das meigas.
As obras expostas foron creadas no marco das distintas edicións dos certames culturais promovidos pola asociación ao longo da súa historia. Durante anos, estas creacións formaron parte do espazo habitual da entidade e agora saen temporalmente do seu lugar de conservación para achegarse á veciñanza e ao público visitante.
A mostra pretende recuperar e poñer en valor parte da memoria cultural de Sarria a través de pezas que documentan a evolución dunha tradición que continúa viva. Cada obra e obxecto contribúe así a preservar a historia da Noite Meiga e da propia Asociación Cultural Meigas e Trasgos.
A exposición pode visitarse na Sala de Exposicións da Antiga Prisión Preventiva de Sarria ata o 31 de agosto, de luns a sábado, en horario de 9.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.