Sarria pecha o Nadal coa despedida da carpa Circus Nova na Praza da Vila

Sarria despediu a carpa de circo Circus Nova, instalada na Praza da Vila dende o 20 de decembro ata o 6 de xaneiro, un espazo que se converteu no eixo central da programación cultural do Nadal e que durante varias semanas encheu o centro da vila de actividade, público e ambiente festivo.
Ao longo deste tempo, a carpa acolleu propostas pensadas para todos os públicos, con obradoiros de circo e animación, concertos, música en directo, teatro, espectáculos circenses e maxia, configurando un punto de encontro no que se mesturaron ilusión, creatividade e convivencia.
O Concello quixo facer unha mención especial a MR. Brandan, artista sarrián e creador do proxecto, así como á súa familia e ao equipo que o acompañou, destacando o traballo constante desenvolvido durante todos e cada un dos días de actividade. A organización subliña que o labor realizado foi moito máis alá da montaxe dunha carpa, cunha atención continua a cada detalle, ao bo desenvolvemento dos eventos e ao coidado tanto do público como dos artistas participantes.
No marco desta programación, tamén se puxo en valor o espectáculo Xénese dun paiaso, representado do 1 ao 6 de xaneiro en colaboración coa Deputación de Lugo, unha proposta que acadou unha excelente resposta do público e deixou momentos especialmente recordados entre as persoas asistentes.
Desde o Concello salientan ademais o orgullo que supón para Sarria apoiar iniciativas de talento local como a de Brandan e contar cun escenario que tamén deu cabida a outros artistas da vila, como Lorena do Val e Roberto Lolo, reforzando así o compromiso coa creación cultural propia.