Sarria prepárase para unha nova xornada do Esmorga Fest con Grande Amore e Eladio y los Seres Queridos

GaliciaXa | SarriaXa
A terraza O Meigallo acollerá este sábado 12 de setembro unha tarde de música en directo con entrada de balde e propostas para diferentes públicos
Grande-Amore
11 Sep 2026

O Esmorga Fest continúa coa súa programación en Sarria e xa ten preparada unha nova xornada musical para este sábado 12 de setembro. A terraza O Meigallo será o escenario dunha tarde de concertos e sesións musicais con entrada de balde, nunha proposta que busca achegar diferentes estilos e públicos.

As portas abrirán ás 18:45 horas e a programación comezará ás 19:00 horas coa sesión de Tristón DJ. Ás 20:00 horas será a quenda de Eladio y los Seres Queridos, que ofrecerán un formato acústico. Posteriormente, Apolo18 actuará ás 21:20 horas e Grande Amore subirá ao escenario ás 22:20 horas.

A partir da medianoite, a música continuará con Meigas e Trasgos + Javier LG, ás 00:00 horas, mentres que ás 00:30 horas será a quenda de Dr. Think.

Entre os nomes máis destacados do cartel está Grande Amore, proxecto liderado por Nuno Pico, que se converteu nun dos referentes da escena musical galega actual coa súa mestura de rock, electrónica e unha proposta marcada pola enerxía e a personalidade sobre o escenario. Pola súa banda, Eladio y los Seres Queridos, unha das formacións máis recoñecidas do pop galego, ofrecerá nesta ocasión un formato acústico.

A programación incorpora tamén o talento emerxente de Apolo18, formación de rock alternativo que se está abrindo camiño na escena musical, xunto ás sesións de Tristón DJ. A proposta complétase cunha combinación especialmente ligada a Sarria: Meigas e Trasgos e Javier LG, que unirán música tradicional galega e sons contemporáneos. A asociación cultural sarriá conta con máis de medio século de traxectoria dedicada á conservación e difusión da música, o baile e as tradicións populares galegas.

A xornada dará continuidade á primeira sesión do Esmorga Total, celebrada na Ermida de San Marco, e manterá a aposta da organización por levar a música a diferentes espazos de Sarria.

A entrada será de balde, polo que a organización anima a veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á terraza O Meigallo para compartir unha nova tarde de música e cultura.

0.16177916526794