As películas 'Sorda' e 'Las piedras de Luna' serán proxectadas nunha sesión especial de cine en Sarria

A Casa da Cultura de Sarria será este sábado, 21 de novembro, o escenario dunha nova proposta cultural e educativa da man de A Barraca Educativa, un proxecto que combina cinema, teatro e actividades participativas para achegar ao público diferentes realidades sociais.
A programación comezará ás 18.00 horas cunha presentación teatralizada a cargo da actriz Lorena do Val. Media hora despois, ás 18.30 horas, proxectarase Las piedras de luna, unha curtametraxe de Patricia de Luna que mestura animación e imaxe real para abordar, desde a perspectiva da infancia, as dificultades das familias para conciliar a vida laboral e familiar.
Ás 19.00 horas chegará a quenda de Sorda, a longametraxe de Eva Libertad que narra a historia dunha muller xorda que afronta a maternidade xunto á súa parella oínte. A película afonda nos cambios que supón a chegada dunha filla para a relación de parella e visibiliza as barreiras de comunicación ás que se enfronta a protagonista.
Coincidindo coa proxección de Sorda, desenvolverase tamén unha actividade infantil dirixida a nenos e nenas a partir de 7 anos. A xornada completarase cunha proposta de dinamización posterior na que as persoas asistentes poderán compartir as súas impresións e reflexionar arredor das cuestións tratadas nas películas.
A iniciativa busca converter o cinema nun espazo de encontro, aprendizaxe e diálogo, empregando as historias audiovisuais como ferramenta para comprender outras realidades.
A Barraca Educativa é un proxecto de La Barraca de Cine, subvencionado polo Ministerio de Cultura a través do Plan de Dereitos Culturais e coa colaboración de Sarria Cultura.