Sarria rende homenaxe aos deportistas da AC Taekwondo polos seus resultados no Open de España 2026

SarriaXa
O Concello recoñece o esforzo e o alto nivel competitivo dos seus integrantes tras unha destacada colleita de medallas no campionato nacional
recibimento-AC-Taekwondo-Sarria-no-Concello-26
10 Jun 2026

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e o concelleiro de Deportes, Félix Seijas, recibiron a cinco deportistas da AC Taekwondo Sarria como homenaxe ao seu traballo, esforzo e resultados no Open de España 2026. Os deportistas recoñecidos foron Alex Losada, Brais Lombardero, Mateo Fernández, Carla Rodríguez, Martín Varela e Sergio Castro. O campionato reuniu aos mellores deportistas do país e o conxunto sarrián volveu demostrar o alto nivel competitivo dos seus integrantes tanto nas categorías base como nas absolutas.

Entre os resultados máis destacados figuran os títulos de Carla Rodríguez, campioa do Open de España en individual benxamín; Martín Varela, tamén campión na categoría individual benxamín; e Brais Lombardero, que logrou o ouro en individual cadete infantil e proclamouse igualmente campión do Open de España. Ademais, o adestrador do club, Álex Losada, conseguiu outra medalla de ouro xunto aos seus compañeiros Carlos e Marco na modalidade de trío masculino -30.

As medallas de bronce chegaron da man de Sergio Castro en individual benxamín masculino; da parella formada por Martín Varela e Carla Rodríguez; de Mateo Fernández en trío masculino -30 xunto a Guillem e Albert Bonilla; do propio Álex Losada en individual sénior 1 masculino; e de Brais Lombardero en trío júnior masculino acompañado de Miguel Antón e Yago.

O adestrador destacou tamén a evolución de Brais Lombardero, campión de España en categoría cadete, e de Mateo Fernández, que acaba de dar o salto á categoría sénior. Segundo explicou, ambos atoparon no club a posibilidade de competir ao máis alto nivel tras incorporarse á entidade sarriá, subliñando que o seu exemplo serve de inspiración para os máis novos, que ven neles un espello no que reflectirse.

0.11979103088379