Sarria reúne a destacados expertos para debater sobre o futuro da Xustiza nun contexto de cambio tecnolóxico

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, inaugurou as XIX Xornadas Xurídicas de Sarria Román García Varela, unha cita consolidada como referente para a reflexión sobre os principais desafíos do ámbito xurídico. Nesta edición, que se desenvolve baixo o lema A Xustiza que temos fronte á Xustiza que necesitamos, a programación céntrase na transformación do sistema xudicial ante os cambios tecnolóxicos e sociais actuais.
Durante a apertura do encontro, que se celebra na Casa da Cultura de Sarria, a responsable provincial destacou a capacidade destas xornadas para converter a localidade nun espazo de referencia para o debate e a análise do futuro da Xustiza. Segundo sinalou, as institucións afrontan o reto de adaptarse ás novas realidades sen perder os valores que lles permiten manter a confianza da cidadanía.
O foro reúne estes días a destacadas personalidades do ámbito xurídico e institucional, entre elas o presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste, que participan nas distintas sesións de análise e debate.
Carmela López subliñou que, nun contexto marcado pola expansión da intelixencia artificial e doutras ferramentas tecnolóxicas, a sociedade non só reclama unha Administración de Xustiza máis áxil e moderna, senón tamén unha institución na que poida confiar. Neste sentido, defendeu a necesidade de avanzar na modernización preservando principios fundamentais como a transparencia, a responsabilidade pública, a rendición de contas e a defensa do interese xeral.
A presidenta vinculou esta reflexión coa estratexia de intelixencia artificial impulsada pola Deputación de Lugo, explicando que antes da súa aprobación a institución preguntouse que modelo de administración quería construír para os próximos dez anos, entendendo que a innovación debe ser un instrumento ao servizo da cidadanía e non un obxectivo en si mesmo.
As xornadas desenvolveranse ata este venres, 5 de xuño, e poden seguirse en directo a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación. A institución provincial colabora coa organización mediante a retransmisión en streaming e cunha achega económica de 10.000 euros.
Ademais, as conferencias contan un ano máis con recoñecemento académico, polo que as 300 persoas inscritas a través da UNED recibirán 0,5 créditos ECTS pola súa participación.
Na sesión inaugural tamén estiveron presentes o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira. A primeira mesa redonda abordou a construción dunha Xustiza máis eficaz, próxima á cidadanía e adaptada ás necesidades actuais desde unha perspectiva que combina o factor humano e o avance tecnolóxico.