Sarria ten abertas tres bolsas de emprego de administración e operarios de obras
O Concello de Sarria mantén aberto o prazo para presentar as instancias de tres bolsas de emprego. Unha delas como auxiliar administrativo grupo C2, outra de administrativo e outra para operarios de servizos de obras e medio ambiente.
Para poder presentarse na primeira categoría de auxiliar de administrativo C2 será preciso estar en posesión da titulación ESO ou en condición de obtela, para administrativo esixen o bacharelato ou formación equivalente. Pola contra, para a bolsa de operario de servizos de obras e medio ambiente non requiren ningunha titulación en concreto.
As funcións que desempeñarán os auxiliares administrativos terán que ver coa formulación de documentos e impresos, tramitación de expedientes, mantemento de base de datos ou cobros de taxas. Mentres que os administrativos realizarán tarefas de atención ao público no relacionado coa tramitación de expedientes, elaboración de dilixencias, etc.
Os operarios de servizos de obras e medio ambiente serán os encargados de realizar tarefas de mantemento de parques e xardíns, albanelería, pintura, limpeza de vías, etc.