Sarria ten todo a punto para que comecen as súas grandes festas de San Xoán esta tarde
Comezan as grandes Festas de San Xoán 2023 de Sarria esta tarde coa apertura do feiral e co pregón de Abraham Cupeiro ás 20.00 horas na Casa do Concello, que seguirá coa celebración da Noite do Lume, na que haberá unha gran queimada acompañada de degustación gastronómica, unha fogueira, un espectáculo relacionado co lume e música e a actuación da banda Chárleston Big Band e Os Parentes na rúa Castelao de Sarria.
Así, con motivo das festas, coordinouse un dispositivo de seguridade e tráfico que pechará a circulación na rúa Castelao a partir das 15.00 horas con zonas de acceso permitido só para residentes e con outras zonas de restrición total do tráfico rodado.
As forzas e corpos de seguridade acordaron reforzar o número de efectivos durante as festas, co fin de que transcorran con normalidade, e priorizando a vixilancia na contorna da rúa Castelao, na zona da verbena coas orquestras e nas atraccións infantís, así como noutros puntos con actividades lúdicas e culturais, como o Campo da Feira, a Rúa Maior ou o Parque do Chanto.
Desde o goberno local anímase a toda a veciñanza e visitantes "a gozar das festas con moderación e respectando as indicacións das forzas e corpos de seguridade para que haxa unhas celebracións sen incidencias".