Seguen as Festas Patronais de Sarria despois dunha fin de semana de San Xoán con moitas actividades

SarriaXa
Ademais do concurso de baile, o martes pola tarde tamén terá lugar unha actividade de maxia con Roberto Lolo
San-Xoán-Sarria
San-Xoán-Sarria
24 Xuño 2024

Despois da fin de semana forte das Festas do San Xoán de Sarria, que acolleu os concertos de Dous Bos, Baixo Cero, Nena Daconte, Louband, Ultramarinos, Duendeneta, Niña Polaca, La Formula e un sinfín de actividades culturais e musicais, a festa continúa dous días máis.

Así, a Banda Municipal de Sarria e Dimonis de la Plana levarán a cabo un pasarrúas na mañá de hoxe e ás 11.30 horas será a recepción de autoridades no Concello, seguido do repenique de campás na Igrexa de Santa Mariña para logo ter a Misa Maior cantada pola Coral Polifónica do Concello de Sarria ás 12.00 horas. Ao remate, ás 12.45 horas, desenvolverase a procesión acompañada pola Banda Municipal de Sarria e ás 13.30 horas terá lugar a sesión vermú na Sociedade Recreativa La Unión coa actuación da Asociación Cultural Meigas e Trasgos e o grupo Dous Bos.

Xa pola tarde haberá pasarrúas coa Louband, Asociación Cultural Meigas e Trasgos e a Asociación Cultural Peleriños. Xa pola noite, ás 22.15 horas haberá festa coa orquesta Ocaband e ás 00.00 horas tirarán fogos de artificio. Por último, a partir das 00.15 horas haberá verbena coas orquestras Paris de Noia e Ocaband.

Finalmente, o martes, 25 de xuño, comezará a festa ás 13.30 horas coa sesión vermú na Sociedade Recreativa La Unión, coa actuación da Banda da Comarca de Sarria. Xa pola tarde terá lugar o Festival Infantil de San Xoán na praza da Vila con pintacaras, aventuras, xogos e diversión, e ás 19.30 horas haberá unha Hora Máxica con Roberto Lolo.

Finalizando a festa, ás 20.30 horas, terá lugar o concurso de baile a cargo de ensinanzas Creativa Sarria coa música da Banda Municipal de Sarria, Louband e Lolo Castro; e, finalmente, ás 22.30 horas rematarán as festas coa verbena coa orquestra Los Satélites no Campo de Rugby.

0.1699378490448