Seis parroquias de Sarria desfrutaron da maxia coa cuarta edición do encontro no rural

SarriaXa
Marina, Samuel Moreno, Golden Magic, Bruxo Cabacín, Mago Iago e Roberto Lolo protagonizaron seis actuacións en dous días dentro da programación de Sarria Acendida
encontro-máxico-rural-Sarria
22 Oct 2026

A maxia e o humor chegaron esta fin de semana a seis parroquias de Sarria co IV Encontro Máxico no Rural, unha iniciativa que levou espectáculos a Corvelle, San Pedro de Froián, Farbán, Biville, A Veiga e Santa María de Vilar.

Durante dous días, a veciñanza puido gozar de seis actuacións protagonizadas por Marina, Samuel Moreno, Golden Magic, Bruxo Cabacín, Mago Iago e Roberto Lolo. A proposta buscou achegar a cultura a diferentes puntos do municipio e ofrecer alternativas de lecer máis alá do núcleo urbano.

O mago Roberto Lolo valorou moi positivamente a acollida desta edición, que cualificou de éxito polo ambiente creado e pola resposta do público. "A xente desfrutou moitísimo e estou moi feliz de poder levar maxia ás parroquias, descentralizar a cultura e sentir moitísimo cariño por facer isto", sinalou.

O IV Encontro Máxico no Rural enmárcase na programación de Sarria Acendida, unha iniciativa impulsada polo Concello e financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que busca dinamizar a vida cultural do municipio e achegar actividades á veciñanza das parroquias.

0.13892102241516