Sonia Arias levou a curtametraxe 'Mudanza' a un encontro en Castelldefels

SarriaXa
O acto converteuse nunha oportunidade para dar visibilidade ao traballo dun equipo comprometido o e para levar o nome de Paradela e Sarria, onde se gravou, máis alá
Sonia-Arias-Isabel-Montes
27 Feb 2026

A escritora paradelense Sonia Arias participou nun encontro celebrado en Castelldefels no que afondou no proceso íntimo de creación do seu relato 'Mudanza', adaptado á gran pantalla polo director Luisje Moyano.

A autora explicou nun diálogo aberto como xurdiu a historia nun momento persoal complexo, marcado por vivencias difíciles que acabaron dando forma a un texto cargado de emoción e verdade.

Durante a conversa, Arias detallou que sentimentos pretendía espertar nas persoas lectoras ao abordar a perda, así como a fonda conexión entre as súas raíces e a súa maneira de entender ese proceso vital desde unha perspectiva humana e digna.

O público tivo así a oportunidade de coñecer de primeira man o tránsito da palabra escrita á linguaxe audiovisual e de reflexionar sobre a vida e a superación.

O acto converteuse nunha oportunidade para dar visibilidade ao traballo dun equipo comprometido o e para levar o nome de Paradela e Sarria, onde se gravou, máis alá, tratando unha temática social.

Ademais, estivo tamén o psicólogo Jordi Royo Pozo, que traballa no Hospital Universitari Parc Taulí de Sabadell en Coidados Paliativos Pediátricos e é unha eminencia no ámbito do acompañamento emocional e pediulles a curtametraxe para poder proxectala nos hospitais.

A autora puxo en valor o labor de Isabel Montes, produtora da curtametraxe e a que xestionou a organización do acto en Castelldefels, salientando o seu compromiso e implicación.

'Mudanza' partiu dun texto incluído na obra 'Manchas de frío', na que Arias abordou o cancro e o proceso de afrontar a morte desde unha ollada respectuosa.

O proxecto foi recoñecido co premio á Mellor Temática Social no Festival Internacional de Cine CityBlue Films, un galardón que puxo en valor a calidade da proposta, elixida como proxecto destacado entre 864 traballos procedentes de 43 países, consolidando así a súa proxección internacional.

0.12325310707092