Suso Valcárcel, da Coral Polifónica: “Temos espírito, ganas e ilusión por seguir facendo moitas cousas”

SarriaXa
Falamos con Suso Valcárcel Pallares, presidente da Coral Polifónica do Concello de Sarria desde hai dous anos, aínda que leva vinculado a ela máis de 20 anos
Coral-Polifónica-Sarria
25 Jan 2026

Jessica Fernández

Suso Valcárcel pon en valor a importancia da Coral Polifónica do Concello de Sarria como unha das entidades sociais con máis historia do municipio, xa que se puxo en marcha no ano 1971 da man da creación da Asociación Meigas e Trasgos e de Carmela González, sendo os ensaios en La Unión. Con todo, debido a problemas entre a Coral e a directiva de Meigas, no ano 2004, o colectivo de voces decidiu romper o seu vínculo e converteuse en independente. Nesa época “ensaiábamos, pero ensaiábamos por libre. Non tiñamos unha denominación concreta para Coral”, ata que, un ano despois, en 2005, a Coral Polifónica, que non tiña ningunha intención de desaparecer, nace renovada co apelido do Concello de Sarria, xa que é a administración local a que lle proporciona os recursos suficientes como para poder contratar a unha directora, que é Berta Urbay, que tamén dirixe o colectivo do que forman parte 27 persoas a día de hoxe. Así, comezan a ensaiar na Capela do Marqués ata que pasan a facelo no edificio municipal da Casa da Música, onde se manteñen na actualidade.

Por iso, Suso defende que a evolución da Coral Polifónica desde os seus inicios ata agora estivo caracterizada por “altos e baixos”. Sobre todo, porque hai dous anos a anterior directiva, da que o propio Suso era parte como secretario, dimitiu, xa que a directora daquela época, Irene, estivo de baixa en dúas ocasións por maternidade, o que supuxo unha época inestable con persoas que a substituíron sen éxito. “Cada tres meses cambiábamos de directora e non funcionaba, polo que empezaron a xurdir problemas dentro da directiva, ata que dimitimos todos”, explica. Con todo, Suso nunca quixo que se disolva, polo que asumiu a Presidencia el e recuperaron a Berta Urbay como directora.

“Desde ese momento, a verdade é que moi ben. Pasamos por un período de adaptación, pero tanto Berta como eu e os demais integrantes do colectivo, queremos moito á Coral, e por tanto estamos comprometidos a que isto saia adiante”.

A ACTIVIDADE DA CORAL

Durante estes 20 anos, son miles as misas que cantaron, non só en Sarria, senón tamén en concellos da provincia de Lugo, de Galicia e tamén fóra dela. Lembra Suso con cariño unha actividade subvencionada pola Xunta de Galicia na que, percorrendo o Camiño de Santiago, paraban nas igrexas a cantar a misa. “Cantamos na misa de Portomarín, na de Palas de Rei e na Catedral de Santiago pola misa do Peregrino”, lembra Suso. Ademais, todos os anos organizan, coa Banda de Música de Sarria, o concerto de Santa Cecilia, así como cantan no pregón das festas patronais de San Xoán, así como no Corpus, tamén moi importante na vila. Tamén destaca que, desde hai dous anos, cantan pola festividade do Pilar.

Sobre todo, Suso destaca que non son unha coral “de vellos e aburridos con música única e exclusivamente sacra”, senón que el defínese a si mesmo como “rockeiro” ao que lle gustan moito os Beatles, George Harrison, John Lennon, Bob Dylan, Status Quo, e máis actual, como ABBA ou Leonard Cohen. Por iso, fomenta que se introduzan cancións deses autores “para gozar da música dos anos 60, 70 e 80, ao tempo que aprendemos inglés”, explica.

“O noso obxectivo é dobre: gozar da música do noso tempo e, ao mesmo tempo, achegar tamén este tipo de colectivos á xente máis nova, xa que nos interesa transmitir o amor pola coral a persoas de menor idade, xa que queremos que isto siga e teña continuidade. Por iso, introducimos música máis actual e moderna que combinamos con temas máis serios”, destaca o presidente.

Así, este ano a Coral destaca pola súa interxeracionalidade, igualdade entre homes e mulleres en canto a número de integrantes e moita diversidade cultural. “Poderíamos dicir que somos unha Coral internacional, porque temos xente da República Dominicana, de Romanía, de Venezuela e de Cuba. Todo isto é positivo porque mesturamos voces e aprendemos uns dos outros”, sostén, e engade que “queremos promover unha Coral de portas abertas, na que non se mide á xente pola calidade da voz, senón polas ganas que teña de cantar”.

PROXECTOS DE FUTURO

Con respecto ao futuro, Suso téñeno claro: “Temos moito espírito, ganas e ilusión por seguir facendo moitas cousas, por iso lle dedicamos tanto tempo”. Así, ensaian tres días á semana, de forma oficial, aínda que recoñece que ás veces tamén se xuntan os domingos ou outros días para preparar as cancións. “A xente non se sente obrigada, senón que lle gusta e quere pasar tempo aquí. Por sorte, a nosa directora é a que marca os días que temos que ensaiar de máis e non os regatea, está con nós”.

Por iso, o obxectivo é “seguir como ata agora, fomentando a cultura e a música en Sarria, porque para min é unha paixón; realmente gústame cantar”, explica Suso. E, ademais, volve poñer o foco na integración: “Gústanos cantar, pero non estamos mirando se un desafina máis ou menos, o que nos importa é que a xente veña e desfrute, e iso facémolo con entusiasmo e con corazón”.

Con ese énfase nos ensaios, chegan as actuacións en directo, onde “hai que perder o medo escénico, poñernos diante de todos e, como un equipo de rugby, pensar en que saímos a gañar”. Por iso, afirma que, ata o día de hoxe, “sempre saíu ben”. Con todo, lembra que tamén é importante pensar nos “que veñen por detrás”, porque a finalidade da Coral, de cara ao horizonte, é que siga en pé, e para iso, “fai falta canteira. Gustaríame que, cando eu non estea, a Coral quede en boas mans”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.056242942810059