Suspendido o encontro entre o Incio e o Monterroso B por insultos e ameazas ao árbitro

GaliciaXa | SarriaXa
O colexiado decidiu dar por finalizado o partido no minuto 52, cando o visitante gañaba por 0-2, despois de que o adestrador local, que xa fora expulsado, se dirixise a el con expresións ameazantes
aficion-incio-carboeiro
29 Nov 2026

O encontro entre o Incio Terra Brava e o Monterroso B, correspondente á duodécima xornada da Segunda Futgal no seu grupo sur, tivo que ser suspendido este sábado no campo do Carboeiro debido aos incidentes rexistrados arredor do colexiado, Iván Abel Bruzos. O árbitro decidiu interromper definitivamente o partido no minuto 52, cando o marcador reflectía un 0-2 favorable ao conxunto visitante.

Os problemas comezaron no minuto 35, cando o colexiado expulsou o adestrador do Incio tras mostrarlle dúas tarxetas amarelas nun intervalo dun minuto. Segundo recolle a acta arbitral, a primeira foi por protestar de maneira ostensible unha decisión e a segunda por dirixirse ao árbitro nun ton ameazante.

Tras a expulsión, o colexiado comezou a recibir berros e insultos desde a bancada, que identificou como procedentes de seguidores do equipo local. Ante esta situación, comunicou ao delegado de campo que os insultos debían cesar ou que as persoas responsables tiñan que abandonar as instalacións. Ao non producirse ningunha das dúas circunstancias, decidiu deter temporalmente o encontro durante sete minutos.

Despois de que o delegado lle trasladase que a situación estaba controlada, os dous equipos regresaron ao terreo de xogo e o partido continuou. O árbitro advertira previamente de que volvería suspendelo se se repetían os insultos ou as ameazas desde a bancada.

Porén, os incidentes retomáronse na segunda parte. No minuto 52, despois de que Bruzos amonestase o delegado do equipo local, o adestrador do Incio, que permanecía detrás da varanda próxima ao banco malia estar expulsado, dirixiuse a el en dúas ocasións coa expresión "Non te preocupes, xa o pillaremos por aí".

Ante estas palabras, o colexiado decidiu dar por suspendido definitivamente o encontro. O Monterroso B gañaba nese momento por dous goles a cero.

Agora será o Comité de Competición da Federación Galega de Fútbol o encargado de analizar os feitos recollidos na acta arbitral e determinar as posibles sancións derivadas dos incidentes acontecidos no campo do Carboeiro.

0.10232996940613