Sweet Marta & The Blues Shakers súmanse ao cartel do Festival Sarria Blues no Camiño

GaliciaXa | SarriaXa
A formación actuará na cita musical que se celebrará entre o 6 e o 9 de agosto en Sarria e regresará ao festival tras participar na súa primeira edición
Sweet-Marta-&-The-Blues-Shakers
2 Jul 2026

A organización do Festival Sarria Blues no Camiño, que se desenvolverá entre os días 6 e 9 de agosto en Sarria, confirmou unha nova incorporación ao cartel desta edición coa presenza de Sweet Marta & The Blues Shakers.

A formación está liderada por Sweet Marta, cantante e considerada a única representante feminina da armónica blues en España, unha artista que se converteu nunha referencia internacional neste instrumento. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosos festivais nacionais e europeos e desenvolveu actuacións tanto en Estados Unidos como en diferentes países de Europa, compartindo escenario con artistas como Mark Hummel, Nico Wayne Toussaint ou Billy Branch.

A banda está integrada por Sweet Marta na voz e na armónica, Johnny BigStone á guitarra, Little Jordi ao baixo e Marc Ruiz á batería. O grupo desenvolve un estilo centrado no blues clásico, cun son contundente e renovado que combina composicións propias con versións de temas representativos do blues de Texas, Chicago, da Costa Oeste e tamén do funk blues.

Esta será a segunda ocasión na que Sweet Marta e Johnny BigStone participan no festival sarrián, xa que ambos formaran parte da programación da primeira edición na súa versión en formato dúo.

Desde a organización lembran que aquel concerto se celebrou no Campo da Feira nunha xornada marcada polas elevadas temperaturas e destacan, en ton distendido, que lles debían unha "insolación", motivo polo que nesta ocasión contarán cun espazo destacado dentro da programación desta nova edición.

0.12879204750061