Teatro do Miolo levará "A redención de Abel" a Láncara o 6 de decembro

A Asociación Cultural Val de Láncara organizará o vindeiro domingo 6 de decembro unha nova actividade cultural coa representación de "A redención de Abel", a cargo de Teatro do Miolo. A función comezará ás 17:00 horas na antiga Casa do Concello e contará coas interpretacións de Isa G. Coldeira e Guillermo Cancelo. A entrada será gratuíta.
A obra, baseada nun texto de Luisa López e dirixida ao público adulto, combinará elementos do thriller, a comedia e a traxedia. A historia xirará arredor de Abel, un antigo vendedor de seguros de decesos que agocha un escuro segredo e que, marcado por un pasado traumático, amosa un comportamento cruel e perverso.
A súa historia cruzarase coa de Amelia, a única habitante dunha aldea perdida na serra do Courel, unha muller de grande forza vital e sabedoría ancestral que non estará disposta a poñerlle as cousas fáciles. Un temporal de neve obrigará a ambos os personaxes a compartir espazo durante toda unha noite, nun encontro que fará aflorar os seus segredos e rematará nun intenso duelo no que terán que enfrontarse ás súas propias contradicións.