Tradime reúne este sábado en Sarria os transportistas lucenses para analizar os retos do sector

A Asociación de Empresarios de Transporte de Mercadorías por Estrada da provincia de Lugo (Tradime) celebrará este sábado, 28 de novembro, a súa Asemblea Xeral ordinaria e electoral no Hotel Alfonso IX de Sarria. O encontro comezará ás 19:30 horas e reunirá empresarios e representantes das organizacións do transporte de mercadorías por estrada de ámbito galego e estatal.
A xornada servirá para repasar as actividades desenvolvidas pola asociación durante este ano, aprobar as contas e presentar o orzamento do próximo exercicio. Ademais, terá lugar a asemblea electoral, na que se prevé proclamar por unanimidade a única candidatura presentada, encabezada polo actual presidente, José Fernández Fernández, de Transfercas S.L.
A proposta de nova xunta directiva inclúe a Jesús Antonio Suárez Oliver, de Suárez Oliver Transportes S.L., como vicepresidente, e a Miguel López Carreira, de Transportes López Carreira S.L., como secretario. Completan a candidatura Salomé Vila, de Agencia Transportes Vila S.L.; Manuel Rivelo, de Transrivelo S.L., e Mari Luz Trigo, de Transportes Paraíso S.L., como vogais.
Relatorios sobre as novidades do sector
Ademais da parte asemblearia, o encontro incluirá unha xornada de traballo práctico con varios relatorios sobre cuestións de actualidade para o transporte de mercadorías. Entre os participantes estará Carmelo González, presidente da Confederación Española de Transporte de Mercadorías (CETM), que abordará as principais novidades normativas que afectan o sector.
Tamén intervirá Carlos García Cumplido, secretario xeral de Fegatramer, que analizará a xornada laboral no transporte e a sentenza da Sala do Social do Tribunal Supremo sobre a cesión ilegal de traballadores.
O programa inclúe así mesmo unha presentación sobre o documento electrónico de control administrativo (DeCA), obrigatorio en España desde principios de outubro para os transportes públicos interiores de mercadorías e as operacións de cabotaxe por estrada. A explicación correrá a cargo de Lextransport Grupo. Tamén haberá presentacións de empresas de servizos vinculadas ao sector, como Breiko.
A xornada rematará cunha cea de confraternidade á que está prevista a asistencia de máis de 200 convidados, entre eles representantes de organizacións empresariais e da Xunta de Galicia.