Trascastro, no Concello do Incio, acolle un proxecto piloto de plan de dinamización do núcleo rural

SarriaXa
Trascastro, no Concello do Incio, acolle un proxecto piloto de plan de dinamización do núcleo rural e foi visitado pola Xunta
Tracastro O Incio
Tracastro O Incio
25 Mar 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou a aldea modelo de Trascastro do Incio no marco da Semana da Administración Aberta.

Estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde do Incio, Héctor Manuel González.

Alí destacou os traballos de posta en valor que se están levando a cabo, desde a actividade de gandaría en extensivo ata a dinamización do núcleo rural a través, por exemplo, da rehabilitación de dous apartamentos turísticos.

En Trascastro estase a desenvolver un proxecto piloto de plan de dinamización do núcleo rural, a cargo da Fundación RIA, fundada polo arquitecto David Chipperfield. Dito plan busca reformar o núcleo rural desta aldea acorde aos seus elementos patrimoniais e culturais.

O conselleiro e demais asistentes puideron supervisar os traballos de rehabilitación de dous apartamentos turísticos emprazados nunha casa con máis de dous séculos de historia. Desta forma, apuntou o conselleiro, non só se recuperan os terreos agrícolas que rodean a aldea senón que tamén se aposta pola dinamización do seu núcleo rural, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e á fixación de poboación na zona.

Estes traballos de reforma foron obxecto dunha axuda da Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- para proxectos de investimentos en actividades non agrícolas, beneficiándose dunha achega de algo máis de 88.000 euros para un investimento de case 200.000 euros.

Concretamente, a obra contempla a creación de dous apartamentos turísticos, un que ocupa o nivel superior da casa e que estará composto por recibidor, baño, dormitorio dobre, espazo de salón-comedor-cociña e acceso ao balcón exterior. O segundo dos apartamentos -que ocupa os dous niveis inferiores da casa- estará composto por un recibidor, baño, aseo, dous dormitorios dobres, despensa e un espazo cociña-comedor- salón.

Neste senso, o conselleiro sinalou que a través desta orde de axudas apóstase polo reforzamento do tecido empresarial no medio rural, coa finalidade de xerar as condicións necesarias para crear e consolidar emprego e afianzar poboación, con incidencia, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, nos proxectos que se desenvolvan nos núcleos das aldeas modelo, como é o caso deste proxecto en Trascastro.

Deste xeito, apuntou José González, entre os anos 2016 e 2023 destinouse un orzamento total de 15.135.000 euros ao financiamento destas axudas para investimentos en actividades non agrícolas no medio rural, o que contribuíu a crear 337 novos postos de traballo e a consolidar outros 2.576 empregos.

Explotación de gandería en extensivo de vaca cachena

Ademais da visita ao núcleo rural, o conselleiro e demais asistentes tamén visitaron a gandaría en extensivo con vaca cachena implantada nos terreos que rodean a aldea.

Dita explotación caracterízase pola instalación dun sistema baseado no Internet das cousas para a xestión da gandaría, mediante unha rede de datos que dá cobertura a toda a aldea a través de sensores e que permite recibir información en tempo real.

Así, instaláronse -ata o momento- sensores de xeolocalización de gandaría e de sanidade animal, sensores do nivel de auga nos bebedoiros e sensores para detectar problemas nos pastores eléctricos, avisando de calquera incidencia mediante unha mensaxe ao móbil do gandeiro. Estes dispositivos, que están alimentados por placas solares, permiten dar solucións a problemas como a dificultade das comunicacións determinadas pola orografía galega, ao mesmo tempo que se dá apoio ao desenvolvemento do rural galego.

Desta forma, grazas ao uso deste tipo de tecnoloxías, contribúese á xeración de valor engadido e á sustentabilidade dos seus produtos, o que favorece precisamente o desenvolvemento de certificacións como a do leite de pastoreo.

A aldea modelo de Trascastro foi a primeira decretada na provincia de Lugo e abrangue unha superficie de 14 hectáreas dividida en 136 parcelas, propiedade de 82 veciños.

0.16501903533936