Triacastela acolle a proposta teatral “Cores do Camiño” dentro do Circuíto de Teatro Profesional da Deputación

O local Fonte do Lunar de Triacastela será escenario o vindeiro 28 de decembro, ás 18.00 horas, da actividade “Cores do Camiño”, unha proposta da compañía Teatro Satori incluída no Circuíto de Teatro Profesional impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A iniciativa chega á vila cun espectáculo pensado para encher o espazo de creatividade, cor e diversión.
Baixo a dirección de José Campanari, a representación converterá Triacastela nun punto de encontro para o teatro e a imaxinación, cunha posta en escena que convida ao público a deixarse levar pola expresión artística e pola emoción. A actividade forma parte da programación cultural promovida pola Deputación co obxectivo de achegar as artes escénicas profesionais aos concellos da provincia.
Desde a organización destacan que “Cores do Camiño” aposta por unha experiencia visual e participativa, pensada para todos os públicos, que busca dinamizar a vida cultural local e ofrecer unha alternativa de lecer durante as datas do Nadal.