Triacastela acollerá a estrea do documental 'Mulleres de Triacastela' dentro do proxecto 'Mulleres que Contan'

Triacastela converterase este domingo 16 de agosto no escenario da estrea do documental Mulleres de Triacastela, unha produción promovida no marco do proxecto de cooperación Mulleres que Contan, impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel.
A cita terá lugar ás 19.00 horas na Praza do Concello e pretende render homenaxe ás mulleres que contribuíron ao desenvolvemento e á conservación da vida no rural a través do seu traballo, esforzo e compromiso coa súa contorna.
O documental recolle testemuños, lembranzas e experiencias de mulleres do municipio, poñendo o foco no papel fundamental que desempeñaron ao longo das décadas na vida social, económica e familiar de Triacastela.
Tras a proxección celebrarase un coloquio no que participarán as protagonistas da obra, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer de primeira man as historias e vivencias que protagonizan o audiovisual.
A xornada rematará cun cóctel e coa actuación musical do grupo Airiños do Petouto, nun encontro aberto á veciñanza que busca recoñecer e poñer en valor a memoria e a contribución das mulleres ao territorio.