Triacastela acollerá unha nova xornada divulgativa sobre Cova Eirós e a arqueoloxía do Monte Penedo

A parroquia de Cancelo, no municipio de Triacastela, será escenario este sábado 15 de agosto da III Xornada de Divulgación en Cancelo, unha actividade centrada na difusión do patrimonio arqueolóxico e cultural da contorna de Cova Eirós e do Monte Penedo.
O encontro desenvolverase a partir das 18:00 horas na explanada de Meilán e reunirá especialistas que achegarán ao público os avances das investigacións realizadas na zona, así como diferentes aspectos relacionados coa evolución das sociedades humanas ao longo do tempo.
A primeira intervención estará dedicada ás ocupacións humanas documentadas no Monte Penedo e en Cova Eirós, abordando tanto os espazos de hábitat como os lugares de enterramento descubertos neste territorio. A charla correrá a cargo das investigadoras Tania Mosquera Castro, Mar Llinares García, Iria López Viéitez e Alba Vidal Soliño.
A programación continuará ás 18:45 horas cun relatorio sobre a cestería como ferramenta ao longo da historia da humanidade, impartido por Lola Tourón. Posteriormente, ás 19:15 horas, Jorge Abril ofrecerá unha conferencia centrada na representación dos animais desde a prehistoria ata a actualidade.
A iniciativa busca achegar o coñecemento científico á cidadanía e poñer en valor a relevancia patrimonial e arqueolóxica dunha das zonas máis destacadas da montaña lucense.