Triacastela acolleu un mini mercadiño de Nadal impulsado pola asociación Tira Ca Estela

SarriaXa
A nova entidade organizou no CEIP de Triacastela unha xornada festiva con obradoiros, xogos infantís e chocolate con churros
mini-mercadiño-de-Nadal-Triacastela-25
23 Dec 2025

A recentemente creada asociación Tira Ca Estela organizou esta fin de semana un mini mercadiño de Nadal no CEIP de Triacastela, unha iniciativa que contou co apoio do Concello e que se saldou cun notable éxito de participación. Ao longo da xornada, decenas de veciños e veciñas achegáronse ao centro educativo para gozar dunha proposta pensada para dinamizar a vida social do municipio e crear un espazo de encontro arredor destas datas festivas.

O mercadiño incluíu diferentes actividades dirixidas especialmente ao público infantil, como obradoiros de elaboración de galletas e xogos para os máis pequenos, que converteron a mañá nun ambiente lúdico e familiar. A programación completouse cunha merenda popular de chocolate con churros, que serviu para pechar a xornada nun clima de convivencia e celebración.

A boa acollida da iniciativa confirmou o interese da veciñanza por este tipo de propostas e supuxo tamén a primeira gran actividade organizada pola nova asociación Tira Ca Estela, que se estrea así cun evento que reforza a participación social e o espírito comunitario en Triacastela.

⚙ Configurar cookies
0.072163105010986