Triacastela celebra a súa segunda festa do Peregrino
Triacastela celebra o vindeiro 18 de xullo a II edición da festa do Peregrino, unha xornada que contará con exposicións, actividades e concertos que amenizarán e encherán a vila dun ambiente festivo -coas medidas de seguridade sempre presentes-.
Así pois, o Concello informou que volta unha festa que se iniciou no 2019 e que, por causas da pandemia, non se puido levar a cabo no ano 2020. A xornada estará cargada de actividades e actuacións dirixidas a todos os veciños, veciñas e peregrinos, a quen se lles adica esta celebración. Desta maneira, a festa comezará ás 10 da mañá cunha peregrinaxe de tractores do Museo Vivo e Integrado do Campo e a Locomoción Agraria -Muvicla- por un tramo do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio -serán sobre catro kilómetros entre Biduedo e Triacastela-.
Os festexos levaranse a cabo na praza do Concello e nun tramo da avenida Camilo José Cela, onde, ás 11.30 horas da mañá, abrirán 15 postos de artesanía e produtos da zona. Así mesmo, a esa hora tamén se realizará un pasarrúas co grupo Foliada de Bosende e, posteriormente, ás 13 horas comezará a celebración da feira.
A continuación, farase a inauguración da exposición Triacastela subterránea, unha exposición sobre as covas de Eirós, unha cova prehistórica de gran valor histórico e cultural para a vila.
O pregón virá a cargo do xornalista de Samos e doutor en Socioloxía e Ciencia Política, Lois Celeiro. Xa pola tarde, a xornada estará amenizada por unha obra de marionetas e por unha obra de teatro, que traerán a Triacastela dúas formas literarias diferentes dirixidas a todos os públicos.
Para rematar, a vila acollerá ás 21 horas un concerto da cantante do Incio, Lucía Pérez que achegará a súa música nunha xornada de ambiente festivo e divertimento no que, a súa vez, se van a levar as medidas sanitarias correspondentes.
O evento terá a participación da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na comarca de Sarria, así coma a de Hospitaleros sen fronteiras e a Asociación Protectora Animais do Camiño (Apaca). Dende o Concello recordan a importancia do festexo por ser unha homenaxe aos peregrinos que camiñan ata Santiago. Ademais, sinalan que é unha forma de que veciños e peregrinos compartan unha xornada de lecer, protagonizada pola música, as actividades e o bo ambiente.