Triacastela recibe 'A Lacena Pequena' cunha mostra artística, produtos locais e música tradicional

A cultura, o patrimonio e a natureza serán os eixes da xornada que A Lacena Pequena desenvolverá este sábado en Triacastela. O proxecto itinerante fará parada na Praza do Concello cun espazo cultural móbil instalado nun contedor marítimo, que servirá como punto de encontro para achegar diferentes propostas artísticas e culturais á veciñanza.
A actividade arrancará ás 16.00 horas coa apertura deste espazo. A programación continuará ás 18.00 horas coa presentación de 'Polo camiño', unha exposición da artista Ana Carballo que dará paso a unha tarde dedicada á creación e á relación coa contorna.
O vínculo entre a paisaxe, as tradicións e o Camiño de Santiago centrarán a conferencia que o antropólogo Rafael Quintía ofrecerá ás 19.00 horas baixo o título 'Saberes que coidan o camiño. Paisaxe, tradición e natureza no Camiño de Santiago'. A intervención afondará nos coñecementos populares e nas prácticas culturais asociadas ao territorio.
A gastronomía local tamén terá presenza na cita cunha degustación prevista para as 20.15 horas. Os asistentes poderán probar embutidos, queixos e mel de La Abuela Delfina, Casa López e Mel de Lagares.
A música e o baile completarán a proposta. O grupo Magie Dance actuará ás 20.30 horas e, media hora despois, os Gaiteiros de Albela porán o peche á programación con música tradicional.
Todas as actividades serán gratuítas. A iniciativa está promovida por Ainé e E-ló? D Arquitectura e conta co impulso da Xunta de Galicia a través do programa 'O Teu Xacobeo'.