Últimas horas para participar na campaña “60x1000” da ACES

SarriaXa
A iniciativa, cofinanciada pola Xunta de Galicia, sorteará 1.000 euros para gastar en 60 minutos entre os clientes dos comercios participantes
1000-en-60-minutos-ACES-Sarria
30 Jul 2026

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria (ACES) afronta a recta final da décimo terceira edición da campaña “60x1000. 1.000 euros, 60 minutos e os mellores comercios agardándote”, que permanecerá activa ata este venres, 31 de xullo. A iniciativa, cofinanciada pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo impulsar a actividade económica do comercio local durante a época estival e premiar a fidelidade dos clientes que realizan as súas compras nos establecementos adheridos.

O funcionamento da promoción establece que por cada compra realizada nos negocios participantes os comerciantes recollen os datos dos clientes nos correspondentes tíckets ou facturas, incluíndo nome, apelidos e número de teléfono, así como a identificación do establecemento. Entre todas as participacións rexistradas realizarase un sorteo para elixir a persoa gañadora dun premio valorado en 1.000 euros.

A persoa premiada poderá empregar esta contía na adquisición de produtos ou servizos nos establecementos adheridos á campaña, aínda que deberá cumprir unha serie de condicións fixadas nas bases. Entre elas figura a obrigatoriedade de gastar a totalidade do premio nun prazo máximo de 60 minutos. No caso de non consumir o importe completo durante ese tempo, a cantidade restante perderá automaticamente o seu valor.

Ademais, o gañador ou gañadora deberá realizar compras en polo menos oito establecementos distintos. Para facilitar esta tarefa, a organización elaborou unha relación dos negocios participantes distribuída por sectores de actividade.

A experiencia de compras desenvolverase durante a mañá do sábado 2 de agosto, unha cita que cada ano esperta unha grande expectación tanto entre os clientes como entre os comerciantes, ao converterse nun escaparate da variedade e do dinamismo do tecido comercial sarriao.

0.11936807632446