Un club de lectura infantil e outro para adultos terá lugar este sábado da man de Val de Láncara
A asociación cultural Val de Láncara organiza dous clubs de lectura, un para adultos e outro para nenos, que comezarán o vindeiro 1 de abril coa presentación da iniciativa.
O club de lectura para público infantil celebrarase baixo o nome de 'Val dos contos' e o de adultos será 'O mirador dos libros'.
A presentación será aberta a todas as persoas que queiran participar a partir das 17.00 horas na antiga escola de Láncara.
A asociación deixará os libros 'As Ramonas', para os adultos, e 'Flis-fli-ris-flás' para os nenos que participen destes clubs de lectura coa condición de devolvelos no prazo indicado e a finais de abril terá lugar a posta en común desas obras.
Obxectivo da actividade
Desde a Asociación Val de Láncara defenden que "os nosos clubs de lectura están abertos a persoas de calquera idade, leremos un libro por mes; rematado o libro xuntarémonos na antiga escola de Láncara para falar de moitos temas ao redor da lectura e compartiremos un café ou chocolate"
Así, din que o obxectivo é "que o club de lectura teña unha importante función social de encontro e intercambio" e din que traballarán por converter o centro nun lugar "onde aprender a ler poesía, ver cine, debatir de problemas de actualidade e interactuar entre os seus membros e así convertir as xuntanzas nun acto social e cultural divertido".
Ademais de deixar os libros, a asociación Cultural Val de Láncara proporcionará cada mes os libros e un marcapáxinas de regalo deseñado para cada libro escollido.
"Con esta iniciativa queremos dar un paso adiante e apostar por un rural activo e dinámico culturalmente".
A Asociación Cultural Val de Láncara, que tamén organiza o premio Ramón Piñeiro “FACER PAIS”, quere traballar activamente para que Láncara sexa un lugar mellor para vivir e disfrutar da cultura.