Un San Xoán sinxelo e cun formato similar ao ano pasado
As festas de San Xoán de Sarria darán comezo o vindeiro mércores 23 de xuño e rematarán o domingo 27 de xuño cun concerto de Eloi Caldeiro na praza da vila. O formato, definido dende o Concello de Sarria coma sinxelo e similar ao do ano pasado, intentará ampliar as actividades durante os cinco días que duran os festexos.
Así pois, as festas contarán con pasarrúas, grupos de música de Sarria e actividades que se van a desenvolver, na súa maior parte, na rúa, para conseguir uns festexos sinxelos e sen riscos de aglomeración. As actuacións realizaranse en distintos puntos da vila co fin de chegar á maioría de barrios para que todos os veciños e veciñas vivan un ambiente festivo.
Algún dos grupos da vila que amenizarán as festas de San Xoán son Malditos Roedores, Sound Sisters e Louban. O primeiro, coñecido pola versión Xa non podo co covid, ademais de polas actuacións en Sarria, tocará ás 18:30 horas do xoves 24 por diante do Adarve, na carretera que vai hacia Samos. No caso de Sound Sisters, a actuación levarase a cabo na praza da vila o sábado ás once da noite.
Dende o Concello de Sarria recordan que nas festas ten que primar a responsabilidade e a precaución para conseguir mellorar a situación paseniñamente.
Así mesmo, destacan que o San Xoán de Sarria é das primeiras festas que se levan a cabo no verán polo que hai que extremar as precaucións para poder seguir celebrando pouco a pouco máis eventos. Finalmente, tamén recordaron que se van a levar a cabo todas as medidas sanitarias correspondentes para facer que as festas de San Xoán, sexan seguras e atractivas para todos os veciños e veciñas da vila.
Concerto de Eloi Caldeiro
A actuación que pechará as festas é o concerto de Eloi Caldeiro, fundador do grupo de folk galego Brath, na praza da vila o día 27 de xuño. O músico galego presentou este pasado maio un disco-libro con poemas da sarriá Xela Arias, autora á quen se lle adicou este ano o Día das Letras Galegas. Así pois, uniu diferentes pezas das obras Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos para formar O equilibrio dos tigres. O estilo do disco é moi variado xa que conta con sonoridades dos anos oitenta e con pop, sen embargo, o que predomina fundamentalmente é o rock.