Un thriller no Camiño de Santiago chega á biblioteca de Sarria da man de José Ángel Gómez Sandes

A biblioteca municipal de Sarria acollerá este venres 23 de outubro, ás 20:00 horas, a presentación de 'Cuando el camino mata', a primeira novela de José Ángel Gómez Sandes. Trátase dun thriller de asasinatos ambientado no Camiño de Santiago que combina a investigación criminal cos segredos do pasado e as relacións entre un grupo de amigos.
A historia comeza dez anos despois da morte de Eva, cando varias persoas deciden reencontrarse para percorrer xuntas o Camiño e pechar antigas feridas. Entre elas está Miguel, condenado polo asasinato da moza e que acaba de saír do cárcere. O que debía ser unha viaxe de reconciliación dá un xiro inesperado cando un dos integrantes aparece morto. A partir de aí, a culpa, as sospeitas e os segredos comezan a marcar o percorrido, nunha trama na que ninguén parece estar libre de dúbidas.
A novela leva os protagonistas desde Villafranca del Bierzo polo Camiño Francés ata Santiago de Compostela, antes de continuar cara a Fisterra. Nese itinerario, lugares como Triacastela e Sarria adquiren protagonismo nunha historia que busca afastarse dos escenarios urbanos habituais do xénero e situar a intriga en espazos próximos ao autor.
Gómez Sandes explica que a idea naceu nunha etapa persoal complicada, despois dunha lesión grave en decembro de 2024. Durante a recuperación retomou a lectura e puxo en marcha unha páxina de reseñas de libros dedicada á memoria do seu avó. A partir daquela experiencia, e dos libros que outras persoas lle enviaban para darlles difusión, decidiu dar o paso de escribir a súa propia historia.
"Tiña que ser un thriller, que é o que me gusta, e tiña que estar ambientado na miña zona, en Galicia", explica o autor, que tamén quería animar a descubrir o Camiño de Santiago. Entre as súas referencias lectoras cita a Freida McFadden e Miquel Santiago, pero buscaba trasladar a intriga a lugares menos habituais na ficción criminal. "Estamos cansados de que todo pase en Madrid e Barcelona. Nunca pasa nada en Triacastela, nin en Villafranca, nin en Fisterra", sinala.
A documentación necesaria para escribir a novela permitiulle, ademais, coñecer mellor a ruta xacobea, as súas lendas e as historias que a rodean. O autor destaca que descubriu unha dimensión máis máxica do Camiño durante o proceso creativo.
Tras presentar a obra en Pedrafita, Gómez Sandes chega agora a Sarria, unha localidade que escolleu polo seu peso como punto de partida para numerosos peregrinos. Na novela tamén quixo reflectir o movemento de persoas que se concentra na vila. Ademais, a Ponte de Áspera, un dos lugares recoñecibles da localidade, acolle un dos acontecementos que inflúen no desenvolvemento da trama.