Unha ruta polo monte de Toca permitirá coñecer os hábitats que favorecen a produción de mel

SarriaXa
A Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza o 20 de setembro unha actividade de cinco quilómetros con explicacións sobre a vexetación, o proceso de elaboración do mel e unha cata
Asociación-Galega-de-Territorio-Monte-de-Toca-Samos
18 Sep 2026

O monte de Toca será o escenario o vindeiro 20 de setembro dunha xornada dedicada a descubrir a riqueza dos seus hábitats naturais e a relación que manteñen coa produción de mel. A proposta, impulsada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, combinará unha ruta polo espazo con explicacións sobre a vexetación e unha actividade centrada no mundo da apicultura.

Durante o percorrido, as persoas participantes poderán coñecer as diferentes formacións vexetais que caracterizan este monte. Nas distintas zonas aparecen hábitats dominados por especies de frondosas, mentres que nas ladeiras máis expostas gañan presenza as queirogas e varias especies de leguminosas.

A xornada buscará poñer en relación esta diversidade natural coa produción apícola, explicando como os diferentes hábitats e a vexetación do monte contribúen á obtención do mel. Ademais, unha persoa produtora local colaborará na actividade para achegar aos asistentes ao proceso de elaboración deste produto.

A programación completarase cunha cata de mel, que permitirá coñecer e degustar o resultado do traballo desenvolvido no territorio.

A actividade contará cun percorrido aproximado de cinco quilómetros e unha dificultade media-baixa. Para participar será necesario levar roupa e calzado adecuados para camiñar polo monte, así como auga e algo de froita ou froitos secos.

A iniciativa está integrada nas actuacións que se están desenvolvendo ao longo de 2026 para poñer en valor o monte de Toca. Estas actividades parten do acordo a tres bandas asinado en 2022 pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Comunidade de Montes de Toca e o proxecto COMPENSA da Cruz Roja Española en Lugo.

O obxectivo deste compromiso é favorecer a restauración e conservación de espazos afectados polos incendios, ao tempo que se promove o coñecemento e a posta en valor do patrimonio natural destes montes.

0.14573693275452