Unha vintena de obradoiros de artesanía chegarán á provincia de Lugo en novembro co programa Mans Artesás

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa
A deputada Iria Castro participou na clausura do curso de cestería impartido por Beatriz Valín en Labio, unha iniciativa que achega os oficios tradicionais ás asociacións culturais e veciñais
curso cesteria Labio Lugo
5 Nov 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolverá durante o mes de novembro unha vintena de cursos de artesanía en distintos puntos da provincia a través do programa Mans Artesás. A iniciativa busca preservar e divulgar os oficios tradicionais mediante actividades formativas adaptadas ás demandas das asociacións culturais e veciñais.

Un dos cursos rematou en Labio, en Lugo, onde a artesá Beatriz Valín impartiu durante o último mes formación en cestería. A deputada Iria Castro asistiu á clausura desta actividade, desenvolvida os martes no local da asociación, na que as participantes aprenderon técnicas básicas do oficio elaborando as súas propias pezas, desde cestas de diferentes tamaños para usos domésticos e agrarios ata elementos ornamentais.

Castro destacou que Mans Artesás forma parte da rede de apoio da Vicepresidencia ao tecido asociativo, ao ampliar a súa programación cultural e lúdica con propostas que poñen en valor o patrimonio, neste caso a través dos oficios tradicionais.

A programación de novembro inclúe cursos de cestería en Orbazai (Lugo), Gondulfe (Taboada), Adai (O Corgo) e Distriz (Vilalba); de traxe tradicional en Ínsua (Vilalba); e de cerámica en Palmeiro (Xove), Pino (Cospeito), Sarria, San Vicente de Pedreda e Santa Cristina de San Román (Lugo).

Tamén haberá formación en restauración de mobles en Sante (Trabada), Muras, Santa Cruz (O Valadouro), Saldoira (A Pontenova) e Rumareda (Castroverde); en coiro en Vilaronte (Foz) e San Cosme de Nete (Vilalba); e en artes florais en Ligonde (Monterroso) e A Devesa (Ribadeo).

O programa, posto en marcha este ano, organiza cursos, demostracións e obradoiros por toda a provincia. A convocatoria busca apoiar un sector que conserva e actualiza técnicas e coñecementos vinculados ao patrimonio inmaterial, ademais de impulsar unha actividade económica sostible, ligada ao territorio e ao consumo responsable.

0.16240000724792