Val do Mao celebra as festas de San Eufrasio con dous días de tradición e música

A parroquia de Val do Mao, no Concello do Incio, xa ten todo preparado para celebrar as súas tradicionais festas na honra a San Eufrasio, que terán lugar os días 15 e 16 de maio cun programa que combina actos relixiosos e propostas festivas pensadas para todos os públicos.
A celebración arrancará o venres 15 cunha misa maior prevista para as 13:30 horas, á que seguirá a habitual procesión polas inmediacións da igrexa. A xornada continuará cunha sesión vermú amenizada por Biouteiro Astelu, que poñerá a nota musical ao mediodía.
Xa pola noite, a partir das 21:30 horas, terá lugar unha cea popular que servirá de punto de encontro para veciñanza e visitantes. A velada estará acompañada pola actuación do dúo Estrellas, encargado de animar a noite e dar paso a un ambiente festivo que se prolongará ata ben entrada a madrugada.
O sábado 16 repetirase o esquema festivo, cunha nova misa maior ás 13:30 horas seguida de procesión e sesión vermú, nesta ocasión coa música da orquestra Los Key. A formación tamén será a encargada de poñer o broche final ás festas coa verbena nocturna, que promete converter a parroquia nun espazo de celebración e convivencia.