Vendaval pecha o pase de primavera e xa prepara a súa próxima edición

GaliciaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
A Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra celebrará a súa terceira edición do 27 ao 30 de agosto
Vendaval. Foto de Dario Eyre
Vendaval. Foto de Dario Eyre
2 Jun 2026

Vendaval, a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, deu por finalizado o seu pase de primavera tras unha programación que incluíu dúas fins de semana de actividades abertas ao público e tres xornadas específicas para escolares. O peche desta etapa coincidiu co remate da segunda edición do festival, iniciada en agosto de 2025.

O último acto foi un coloquio sobre o contrabando na Raia, coa participación dos investigadores Daniel Lanero Táboas e Xurxo Ayán, que puxo o punto final a esta fase do programa.

Segundo os datos da organización, centos de persoas participaron nas actividades desenvolvidas en distintos puntos da Ribeira Sacra, en concellos como Sober, Bóveda, Chantada, Monforte, Sarria e O Incio. Ao longo desta edición celebráronse máis dunha ducia de propostas culturais, a maioría delas de acceso libre, agás algunhas excepcións como unha masterclass e unha cata de viños comparativa.

O festival mantén a súa aposta por unha programación distribuída en tres pases anuais e por levar o cinema a zonas con menor presenza de eventos audiovisuais. Neste sentido, Vendaval continúa a consolidarse como un espazo de difusión do cinema portugués e de encontro cultural entre Galicia e Portugal.

De cara ao verán, a organización xa avanzou as datas da terceira edición, que se celebrará do 27 ao 30 de agosto en diferentes localizacións da comarca. A programación completa será anunciada nas próximas semanas, aínda que xa se confirmou como actividade central unha masterclass de dous días na Casa da Memoria (Xullán, Bóveda).

A sesión estará impartida pola cineasta portuguesa Margarida Cardoso, quen abordará “a maneira en que o cinema portugués confrontou as herdanzas do colonialismo, a memoria da guerra colonial e das independencias africanas ao longo de diferentes xeracións”. Cardoso chega a Galicia tras obter dez premios Sophia da Academia Portuguesa de Cinema polo seu filme ‘Banzo’, incluídos mellor filme e mellor dirección, que tamén será proxectado no marco do festival. As inscricións para esta actividade abriranse proximamente a través da web da mostra.

Vendaval preséntase como un espazo de divulgación e encontro arredor do cinema portugués na Ribeira Sacra, con especial atención ás coproducións luso-galegas e aos vínculos culturais entre ambos territorios. O proxecto combina proxeccións con concertos, conversas, obradoiros e actividades vinculadas ao territorio, cunha base na Casa da Memoria (Bóveda, Lugo), e conta co apoio do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais no programa “Territorio Cultura”.

0.11287713050842