‘Vendaval’ regresa á Ribeira Sacra como un espazo de encontro co cine portugués

Vendaval é un espazo de divulgación do cinema portugués na Ribeira Sacra que busca ser un punto de encontro entre o cinema e a realidade de ambos lados da fronteira. Cun programa centrado nas coproducións luso-galegas e nos vínculos artísticos e culturais entre ambos territorios, tamén supón unha aposta polo cinema de autor no medio rural.
O programa desta edición combinará proxeccións cinematográficas, actividades musicais, coloquios, catas de viño e propostas formativas dirixidas a centros educativos, con sesións específicas para alumnado de institutos.
O festival comezará o 23 de maio en A Palleira cunha clase maxistral co realizador Iván Castiñeiras, centrada na súa experiencia no cinema e no seu traballo como director de fotografía en Galicia, Portugal e Francia. Ese mesmo día, tamén en A Palleira, proxectarase Deuses de Pedra (2025), coa presenza do propio director.
O 24 de maio a actividade trasladarase a Al’daba de Rosende e ao Centro Socio-Cultural de Sober. En Al’daba de Rosende terá lugar un concerto de Joel Fontán cun repertorio de coplas populares e “canção de intervenção”, seguido dunha foliada aberta. No Centro Socio-Cultural de Sober proxectarase À Procura da Estrela (2023), coa presenza do actor Joel Fontán.
Os días 27 e 28 de maio as sesións de Nayola (2022) desenvolveranse na Casa da Cultura Lois Pereiro, en formato de proxección mediada dirixida ao alumnado de instituto.
O 30 de maio a programación continuará no Auditorio Municipal de Chantada cunha conversa sobre a coprodución audiovisual entre Galicia e Portugal a cargo da produtora Beli Martínez. Ese mesmo día, no Cinema Palleiriso, proxectarase Ariel (2025), tamén coa presenza da produtora.
Por último, o 31 de maio o peche do festival celebrarase na Casa da Memoria. Alí terá lugar unha cata comparativa de viños entre Portugal e a Ribeira Sacra con Humberto Loureiro, un concerto de Davide Salvado coa presentación do disco Permita Deus, a proxección de Noite Sem Distância (2015) e un coloquio posterior sobre o contrabando na Raia coa participación dos investigadores Daniel Lanero Táboas e Xurxo Ayán.