Vicepresidencia impulsa a serie de podcast 'Folcast' sobre oralidade e música tradicional

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O primeiro episodio presentarase o 18 de maio nunha homenaxe a Concha de Agrade, de Chantada, informante de Dorothé Schubarth para o 'Cancioneiro Popular Galego'
folcast-presentacion
12 May 2025

Coincidindo coa fin de semana das Letras Galegas, que este ano recoñece o papel das cantareiras na transmisión da poesía oral, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo lanza a serie de podcast Folcast, un percorrido pola oralidade e a música tradicional de Lugo.

A deputada de Cultura Iria Castro, a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro e Xosé Gago, coordinador de Folcast canda Branca Villares, presentaron o proxecto, formado por dez episodios que se difundirán ao longo do ano.

Iria Castro e Maite Ferreiro explicaron “que con esta proposta contribuímos tamén desde Lugo ao recoñecemento das pandereteiras e cantareiras e en xeral, das mulleres, como creadoras e conservadoras de literatura oral, tradicional e musical, historicamente invisibilizado” e

Xosé Gago sinalou que o obxectivo de Folcast é “crear un artefacto colectivo mediante entrevistas que ofrecen unha ollada ampla e poliédrica sobre o fenómeno”. Así, investigadoras, intérpretes, representantes do tecido asociativo ou escritoras pasarán polos micrófonos de Folcast, que percorreron as distintas comarcas na procura das portadoras e transmisoras da poesía tradicional.

Os episodios terán entre 45 e 60 minutos de duración e terán unha emisión mensual na páxina web da Deputación de Lugo e en distintas plataformas, aínda que tamén se emitirán episodios especiais. Para estar ao tanto das emisións puxo en marcha o perfil de Instagram (@folcast_radio), no que ademais se poderá acceder a contido extra.

Homenaxe a Concha de Agrade

O primeiro episodio da serie ten como protagonista a Concha de Agrade, unha das informantes da provincia de Lugo que tivo Dorothé Schubarth para a elaboración do Cancioneiro Popular Galego, obra magna da etnomusicoloxía galega e cuxas gravacións están accesibles na web do APOI.

A súa presentación farase o 18 de maio nunha xornada de homenaxe que se celebrará na que foi a casa da Concha, en San Vicente de Agrade, en Chantada, ás 13.00 horas. Previamente, a Coral de Chantada cantará na misa de 12:00 na igrexa parroquial. A través da figura de Concha preténdese homenaxear ás pandeireteiras da provincia, entendendo que o fenómeno da oralidade é colectivo e non individual.

No acto participarán o fillo de Concha, “Suso do Rei”; Alba María, investigadora e intérprete; Isabel Vigo, técnico do APOI do Museo do Pobo Galego, así como Iria Castro, responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo e Xosé Gago, un dos responsables de Folcast.

O acto estará musicado polas pandeireteiras de Dakidoasma que ofrecerán unhas pezas para despois unirse ao resto da agrupación para pechar o evento con máis música e uns petiscos. A organización fala de petiscos colaborativos, nos que cadaquén pode achegar algo de comer e bebida. Tamén se anima dende a organización a levar vaso propio.

⚙ Configurar cookies
0.14066314697266