Vilaragunte celebrará as festas na honra ao Corpus Christi do 5 ao 7 de xuño

A parroquia de Vilaragunte, no concello de Paradela, celebrará do 5 ao 7 de xuño as súas tradicionais festas na honra ao Corpus Christi cun programa que combinará actos relixiosos e actuacións musicais para todos os públicos. Os festexos terán lugar no polígono industrial do Gandarón e contan coa colaboración do Concello de Paradela.
A programación dará comezo o venres 5 de xuño cunha gran festa e verbena a partir das 23.00 horas, amenizada pola orquestra París de Noia e por DJ Min, que serán os encargados de inaugurar tres días de celebración na parroquia.
O sábado 6 de xuño arrancará ás 13.00 horas coa misa solemne, seguida da tradicional procesión. A continuación celebrarase a sesión vermú, amenizada pola orquestra M3 Show. Xa pola noite, ás 23.30 horas, a mesma formación volverá actuar na verbena, compartindo escenario con DJ Min.
As festas concluirán o domingo 7 de xuño cunha nova misa solemne ás 13.00 horas, seguida da procesión. A sesión vermú estará amenizada polo Dúo Tropical, encargado de poñer o broche final a unhas celebracións que cada ano reúnen a numerosos veciños e visitantes arredor da tradición, a música e a convivencia.