Xa hai finalistas da Copa Deputación de fútbol en todas as categorías

O San Roque e o Xermade serán os dous equipos de Segunda Galicia que xoguen a final da Copa Deputación da súa categoría logo de superar aos seus rivais este domingo.
O San Roque desfíxose do Ferreira cun resultado de 1-2 mentres que o Xermade fixo o propio coa Pontenova tamén cun 2-1 como resultado final. Deste xeito, os dous xogarán polo título o próximo 24 de maio, unha vez que remate a Liga regular, da que quedan dúas xornadas. Ningún dos dous equipos está situado para o ascenso.
Non houbo competición na categoría de Preferente en Primeira, que xogarán as súas semifinais na mesma data do 24 de maio, para facer a final ao fin de semana seguinte. Na feminina, xa hai finalistas desde primeiros de abril, o Milagrosa e o Antas, que xogarán esta final a próxima fin de semana, o domingo 10 no Luis Gorgoso.
Na xuvenil houbo competición e o Lourenzá será un dos finalistas da última sesión de Copa, logo de derrotar ao Antas por contundente 2-6 este sábado. O día 10 disputarase a outra semifinal, entre Río Ouro e Sarriana, que tamén farán a final o día 23.
Tamén na cadete sábese un único finalista, o Viveiro, que en derbi mariñao, venceu ao Ribadeo por un claro 1-5. Sarriana e A Piringalla loitarán polo segundo posto o día 14, dez días antes da final.
Na infantil a Sarriana tivo que chegar á quenda de penaltis para facerse cunha das dúas prazas da final, despois de empatar ante o Burela por 4-4. A igualdade foi máxima tamén nos tiros a porta, xa que chegaron ata os 11-10 para establecer un gañador. Lourenzá e Foz disputarán a súa o día 6.