Xornada de portas abertas no Club de Billar Snooker de Sarria
Coa intención de promover varias das disciplinas deste deporte, como son o snooker e o pool americano (tanto a nivel formación para iniciados como para perfeccionamento), nace o Club de Billar Snooker en Sarria que esta semana desfrutará da súa primeira xornada de portas abertas para darse a coñecer a tódolos veciños do municipio.
O promotor, presidente e responsable da entidade, Juan Pedro Durán López coñecido como Gusy, afirma que “nos tres primeiros días de xornada de portas abertas calquera veciño poderá coñecer as instalacións do noso club, e se algún estivera interesado en asistir ás clases ou cursos que en breve se organizarán, poderá preguntarnos información ao respecto sen compromiso”, declara Gusy.
O Club de Billar Snooker de Sarria que conta coa colaboración da área de Deportes do Concello de Sarria, abrirá as súas instalacións ao público “maña martes día 30 de agosto, o mércores día 31 e o xoves día 1 de septembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas e estaremos encantados de recibirvos” recoñece o presidente.
“Lembrade que este club de billar atópase nas instalacións da antiga feculera e será a encargada de que todos poidades aprender a xogar ao billar da man de grandes xogadores sarriáns” manifesta o responsable da entidade.
Segundo puidemos saber en palabras do propio Gusy, “chegamos a un acordo co concello de Sarria que nos deixa dispoñer das súas instalacións xa que nós non atopábamos ningún recinto adecuado para desenvolver a nosa actividade. Tiña que ser un lugar moi grande porque soamente as mesas de billar, a de snooker precisa duns 50 metros cadrados para a súa situación e a de pool uns 35-40. Nós encargámonos de poñer as mesas, a equipación e organizar organiza escolas deportivas cuns prezos moi simbólicos xa que o que se recade irá destinado para o mantemento das instalacións e os equipos”, afirma o presidente do club.