Yolanda Díaz e Xulio do Canelo reciben os Premios Mestras e Mestres da Memoria

LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A AELG recoñeceu no Pazo de San Marcos a traxectoria da sarria e do mindoniense pola súa contribución á cultura galega, á tradición oral e á recuperación da memoria histórica
Asociación-de-Escritoras-e-Escritores-en-Lingua-Galega-Lugo
24 Oct 2026

O Pazo de San Marcos acolleu a XI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Nesta edición, os galardóns recaeron na sarria Yolanda Díaz e no mindoniense Xulio Rodríguez, coñecido como "Xulio do Canelo", en recoñecemento ao seu labor a prol da cultura galega e da preservación da memoria colectiva.

Yolanda Díaz foi distinguida pola súa traxectoria de activismo galeguista en Uruguai, país ao que emigrou nos anos cincuenta. Durante esta etapa participou en diferentes iniciativas culturais, entre elas a publicación da Historia de Galicia de Otero Pedrayo, a creación do Teatro Popular Galego de Montevideo e o impulso do Patronato da Cultura Galega.

Pola súa banda, Xulio do Canelo, labrego de profesión, destacou polo seu compromiso político e sindical, así como pola súa implicación na recuperación da memoria histórica. A súa actividade tamén está vinculada á defensa do coñecemento popular e á colaboración coa AELG e con investigacións centradas na tradición oral.

A proposta dos dous nomes partiu do Grupo de Traballo dos premios, integrado por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa. O xurado salientou as achegas de ambos os homenaxeados á conservación dunha parte esencial da memoria colectiva e dos saberes transmitidos entre xeracións.

A gala contou tamén co acompañamento musical de Secho. Durante o acto, Lucía Arroxo e Antonio Reigosa encargáronse das laudatio dedicadas aos premiados, que recibiron o recoñecemento acompañados por representantes da AELG.

0.15847706794739