A ANPA do CEIP de Samos abre a inscrición para o campamento de verán con prazas limitadas

SarriaXa
O programa desenvolverase durante os meses estivais con actividades educativas, deportivas e de lecer, mentres que as vacantes dispoñibles quedan xa reducidas ao mes de xullo e á primeira semana de agosto
campamento-Ceip-Samos
17 Jun 2026

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP de Samos puxo en marcha unha nova edición do seu campamento de verán, unha proposta dirixida á infancia que combina ocio, aprendizaxe e convivencia durante o período estival.

A organización xa abriu o prazo para formalizar as reservas e anima ás familias interesadas a solicitar a súa praza canto antes debido á elevada demanda rexistrada. Segundo informou a ANPA, na actualidade só quedan vacantes para o mes de xullo e para a primeira semana de agosto, concretamente entre os días 3 e 7.

O campamento ofrecerá unha programación variada na que terán cabida xogos deportivos, actividades lúdicas e musicais, talleres creativos e de manualidades, así como iniciativas orientadas a fomentar a convivencia e o contacto coa natureza e co entorno máis próximo.

Para a asignación das prazas establecerase unha orde de prioridade. En primeiro lugar, teranse en conta as reservas recibidas por correo electrónico, dando preferencia aos nenos e nenas de Samos que xa participasen en edicións anteriores do campamento ou noutras actividades promovidas pola ANPA. A continuación valoraranse as solicitudes procedentes de concellos limítrofes cuxos participantes tamén tomasen parte en campamentos ou obradoiros organizados anteriormente. O resto das inscricións serán atendidas seguindo rigorosamente a orde de chegada.

As persoas interesadas poden tramitar a súa solicitude enviando un correo electrónico ao enderezo ampaceipsamos@gmail.com. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro luns, 22 de xuño.

0.11322784423828