A Banda de Música da Comarca de Sarria pon en marcha unha escola musical con actividades en cinco colexios

SarriaXa
A ERIMCA ofrecerá formación desde Educación Infantil ata adultos a partir do curso 2026-2027, con clases instrumentais e obradoiros para fomentar a música no rural
Banda-de-Música-Comarca-de-Sarria-nova-escola
3 Oct 2026

A Banda de Música da Comarca de Sarria (BMCS) vén de poñer en marcha a ERIMCA (Escolas Rurais Integradas de Música da Comarca de Sarria), un novo proxecto educativo co que reorganiza a súa oferta formativa e amplía as oportunidades de aprendizaxe musical na contorna. A iniciativa, que comezará a funcionar no curso 2026-2027, nace co obxectivo de achegar a música á veciñanza de todas as idades, especialmente á rapazada, e impulsar a práctica instrumental nos concellos da comarca.

A nova escola integrará as diferentes actividades formativas que xa desenvolvía a asociación, como os obradoiros de Vento Madeira e de Dirección de Banda, e incorporará novas propostas educativas. O proxecto concíbese como unha rede de escolas e iniciativas individuais nos centros educativos da comarca, integradas nunha estrutura común que permita desenvolver un proxecto musical colectivo.

A primeira fase da ERIMCA chegará a cinco centros educativos: o CEIP Plurilingüe do Páramo, o CEIP de Samos, o CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, o CEIP Ricardo Gasset de Cruz do Incio e o CPI Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao, en Láncara. Nestes colexios impartiranse actividades extraescolares dirixidas ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, a través de clases grupais nas que os participantes poderán coñecer e experimentar cos distintos instrumentos que conforman as bandas de música. A intención da asociación é ampliar progresivamente a iniciativa a outros centros educativos da comarca.

A participación nestas actividades non estará limitada ao alumnado dos cinco colexios, senón que tamén poderán inscribirse estudantes doutros centros que estean interesados en recibir formación musical. Ademais, a escola ofrecerá clases de formación instrumental en horario de tarde, abertas a persoas de calquera idade. Estas sesións organizaranse en pequenos grupos de entre dous e catro alumnos, co propósito de dar continuidade á aprendizaxe de quen participe nas actividades extraescolares e, ao mesmo tempo, ofrecer unha oportunidade a outros veciños con interese pola música.

Ao tratarse dunha iniciativa sen ánimo de lucro, tanto a Banda de Música da Comarca de Sarria como a nova escola manterán prezos accesibles para facilitar o acceso á formación. As actividades terán un custo a partir de 15 euros mensuais, polo que a asociación anima a veciñanza, especialmente ás familias e á mocidade, a interesarse polo proxecto e contactar coa súa directiva para coñecer os detalles da oferta.

OBXECTIVO

A creación da ERIMCA responde á vontade da agrupación de reforzar o seu labor de divulgación musical e cumprir cos seus obxectivos fundacionais de fomentar a arte e a cultura musical entre a poboación dos concellos da comarca. A través desta iniciativa, a asociación busca favorecer o desenvolvemento da sensibilidade musical e das capacidades intelectuais do alumnado, así como achegarlle unha formación que poida abrir novas oportunidades no futuro.

O proxecto tamén pretende contribuír á continuidade da propia banda, promovendo o interese pola música entre as novas xeracións e creando unha canteira de futuros músicos. Neste sentido, a escola permitirá desenvolver novas propostas educativas e consolidar unha base de alumnado que poida incorporarse progresivamente á agrupación.

A dirección académica da ERIMCA estará a cargo de Adrián Balboa e Antonio Ibáñez, ambos membros da directiva da asociación. O equipo docente estará formado por profesionais con ampla experiencia como intérpretes e profesores, todos eles con titulación superior de música obtida en diferentes conservatorios, entre eles os de Barcelona, Zaragoza, Oviedo e as Illas Baleares.

A directiva da Banda de Música da Comarca de Sarria agradeceu a boa acollida da iniciativa por parte das ANPAS, das direccións dos centros educativos e das corporacións municipais, así como a colaboración e as facilidades ofrecidas desde os primeiros contactos para facer posible a posta en marcha do proxecto.

PROGRAMACIÓN EN 2027

A programación formativa da ERIMCA continuará tamén en 2027 coa celebración de novos obradoiros. O de Dirección de Banda alcanzará a súa terceira edición, previsiblemente de novo no Páramo, mentres que o Obradoiro de Vento Madeira celebrará a súa cuarta convocatoria en Triacastela, consolidándose como unha das propostas formativas musicais da comarca.

A estas actividades sumaranse dúas novidades. Por unha banda, organizarase a primeira edición do Obradoiro de Vento Metal e Percusión, unha iniciativa que permitirá aos músicos destas familias instrumentais adquirir e perfeccionar técnicas e coñecementos específicos. A localización e a data desta actividade están aínda pendentes de concretar. Por outra, a asociación prepara un novo encontro formativo de verán durante a Semana da Banda, pensado como un espazo de convivencia para a mocidade da contorna arredor da música e co obxectivo de impulsar a participación das novas xeracións.

0.12713003158569